Menu Xerais

Unha historia moi ben levada e con recursos propios dunha película de acción: «Flor de area», de M. Lourenzo González. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet,  unha recensión crítica sobre Flor de area, de M. Lourenzo González.

 

 

Entre o novo xornalismo e a novela bizantina

Manuel Lourenzo cóntanos nesta novela a historia dunha rapaza que tenta ser independente e libre no Iraq posterior a Sadam Husein. En gran parte da novela o autor escribe un relato que recorda as técnicas do novo xornalismo, posto que a historia da protagonista Amrah é unha sorte de reportaxe sobre as dificultades que una rapaza atopa nese Iraq para poder vestir como quere, elixir o noivo que lle pete, estudar unha carreira universitaria ou mesmo sobre a resistencia dos iraquís contra a presenza estadounidense para explotar os recursos da súa terra e ata sobre a actividade das forzas paramilitares norteamericanas. Mais segundo nos aproximamos ao remate a novela, como facía a clásica novela bizantina, céntrase nas peripecias que sofren dous amantes, a propia Amrah e o seu mozo Khaled, para se reencontraren, cun desenlace un tanto inverosímil, na mellor liña do deus ex machina, que fai que todo remate nun final feliz.

A novela retrata desde a perspectiva dunha rapaza convertida en soldado dun grupo guerrilleiro de liberación iraquí a vida, como xa dixemos, do Iraq actual, tras a desaparición de Sadam Husein. Esta perspectiva feminina é un grande acerto do autor, posto que o lector observa o Iraq actual desde os ollos da muller, que, paradoxalmente e malia as proclamas dos estadounidenses de que invadiron Iraq para instauraren os valores democráticos, ten menos liberdades que na época de Sadam, pois está sometida ao integrismo islámico, de tal forma que ata corre o risco de ser violada e mesmo asasinada por vestir ao xeito occidental ou sen seguir as normas dos imáns.

A través desta ollada feminina, o lector vai coñecendo a realidade do actual Iraq, da violencia que se vive nas súas rúas, da actuación das forzas paramilitares estadounidenses ou tamén como volven vellos costumes, como o das vodas concertadas polos pais para as fillas ou a presenza na vida cotiá cada vez máis asoballante do integrismo musulmán. A min esta é a parte da novela que me gusta máis. Aínda que resulte un pouco tópica, tamén resulta atractiva a historia de amor Amrah-Khaled.

O que xa non me gusta tanto da novela é, segundo avanza esta e cara ao final, a inverosímil historia da conspiración para asasinar a Obama ou incluso o desenlace, como xa dixemos, propio da novela bizantina. Non obstante, isto só é practicamente o remate da novela e non invalida a moi boa presentación da vida no Iraq actual e as dificultades que atopa unha moza para tratar de dirixir por ela mesma e sen a inxerencia da moral integrista musulmá a súa vida amorosa e tamén a profesional. O gran drama para min que presenta esta novela, por enriba da situación de violencia que vive Iraq ou a invasión estadounidense disfrazada de intervención para restablecer a democracia e a liberdade, é o da situación da muller sometida ao aberrante antifeminismo e/ou machismo do integrismo musulmán. Cómpre sinalar, con todo, que o tratamento da situación sociopolitica do Iraq posterior a Sadam está así mesmo moi logrado. (…)

Volvendo ao rego, estamos perante unha novela que nos reflicte acertadamente a situación no Iraq actual e desde unha perspectiva feminina, nun medio onde o integrismo musulmán misóxino tenta dominar todo. O argumento, malia o desenlace de final feliz que resulta forzado, é moi entretido e mantén sempre viva a atención do lector, mesmo con recursos propios dunha película de acción ou de espías e conspiracións. Por iso, como dicimos en tantas ocasións, malia estar a novela publicada nunha colección de literatura xuvenil, a súa lectura resulta moi acaída para un lector ou lectora de calquera idade, especialmente se quere entender mellor a situación do actual Iraq, que non deixa de saír nos telexornais, mais sempre desde a perspectiva das axencias de noticiais estadounidenses. Co lectura desta novela obterá unha visión obxectiva e documentada do actual Iraq, así como unha historia moi ben levada dunha moza que tenta realizarse como persoa, tanto no ámbito íntimo coma no social-profesional fronte ao asoballamento do integrismo machista musulmán.

Manuel Rodríguez Alonso

 

 

 

Deixa un comentario!