Menu Xerais

Unha historia que conxuga música e memoria: «Música no faiado», de Miguel Ángel Alonso Diz. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: Música no faiado, de Miguel Ángel Alonso Diz, ilustrado por Laura Tova.

 

Música no faiado, de Miguel Ángel Alonso Diz

 

Non podo negar a alegría que me supuxo ver este libro editado. Fundamentalmente polo seu autor, Miguel Ángel Alonso, a quen sigo desde os seus primeiros pasos na creación que representou aquel O cullarapo Croque (2012) e todo o que veu detrás, pois sabía da relevancia que atesoura un libro coma este para el, destinado a unha franxa lectora un pouco máis avanzada que as súas publicacións habituais.

E o certo que esta Música no faiado revela unha voz que se manexa con habilidade e atractivo no desenvolvemento dunha historia na que conxuga, como se deduce do seu título, música e, dalgún xeito, memoria. Condúcese Miguel Ángel, así pois, con frescura na plasmación dun argumento a través de dous personaxes fundamentais, como son Lucía e Miguel, que se asoman a unha historia familiar, como tantas veces ocorre, oculta e depositada, xustamente, nesa metáfora que é o faiado. Desde alí construirán, ambos os dous, un proceso que os levará a explicarse moitas cousas a través da descuberta de diversas figuras como son o bisavó Aquilino -emigrante aos EUA ao pouco do comezo da guerra civil- e mais a avoa Carme e o avó Estevo, que emigraron á metade dos anos sesenta a Inglaterra. Eses compoñentes da liñaxe familiar serán operativos para que os dous irmáns descubran no coñecemento do seu pasado unha historia na que a música deparará sorpresas realmente inesperadas e, abofé, servirá para esculcar nas súas raíces, contribuirá á formación persoal de cadaquén e axotará moitos medos interiores.

Parabéns ao seu autor por este importante novo paso adiante, un deses máis que non dubido han de vir.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados