Menu Xerais

Unha historia que engancha, consciente do seu destinatario e escrita dende unha posición activa e sensible: «O que sei do silencio», de Andrea Maceiras. Crítica en Palabra de Gatsby

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre a novela xuvenil O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, finalista do Premio Raíña Lupa 2017.

Recensión: Andrea Maceiras, «O que sei do silencio»

As historias de Andrea Maceiras sempre son ben recibidas no mercado literario tanto pola súa calidade como polas súas diferentes temáticas dentro do ámbito xuvenil. O que sei do silencio (finalista do Premio Raíña Lupa 2017) é a súa nova proposta narrativa na que asistimos ó relato dun caso de acoso dende a perspectiva dunha acosadora pasiva.

O primeiro dos elementos interesantes nesta obra é a escolla deste punto de vista. Delia é unha acosadora que pese a ser “pasiva” nunca oculta a súa parte de culpa neste problema. A covardía é o seu pecado capital e a escrita non xorde como terapia propia, senón como colectiva e catártica. A obra presenta a necesidade de falar sobre este tipo de casos, pedir axuda e por riba de todo, a valorar o poder das palabras.

Esta novela narrase a través de numerosos posts de Delia nun blog no que diversas persoas externas comentan e a súa participación tamén é motivo de comentario nos posts seguintes. A introdución de contos nalgúns posts tamén axudan a analizar dende unha perspectiva literaria e metafórica os temas ós que se da visibilidade na novela. Interesante é, polo tanto, acudir a estes contos en varias ocasións.

A historia ten todos os ingredientes para ser un éxito para o lectorado xuvenil aínda que considero que sería tamén interesante aportar un pouco máis de traxedia á propia trama. Considero moi positivo que a historia afonde na psicoloxía dende unha perspectiva moi analítica e que presente discursos directos e profundos, mais non estarían de máis algunhas doses máis negativas nas repercusións futuras deste tema na novela. A mensaxe, de todos modos, é completamente necesaria e polo tanto non podo máis que subscribila.

A de Andrea Maceiras é unha desas historias que enganchan, que teñen conciencia do seu destinatario e que se escriben dende unha posición activa e sensible. Sen dúbida, unha obra moi necesaria.

David González Domínguez

Comentarios pechados