Menu Xerais

Unha homenaxe aos avós: «Muriel», de María Canosa. Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación da novela infantil Muriel, de María Canosa, ilustrada por Lucía Cobo, Premio Merlín de Literatura Infantil 2017.

 

Presentación de «Muriel» de María Canosa e Lucía Cobo

Presentamos onte en Moito conto Muriel o Premio Merlín de Literatura Infantil 2017 do que é autora María Canosa e ilustradora Lucía Cobo. Un acto no que moito se falou deste libro como unha homenaxe aos avós e como un manual de comunicación para lectoras soñadoras. Unha obra na que a autora está comprometida coa capacidade de soñar a través da escrita, mais tamén unha narración de aventura e intriga, localizada na vila imaxinaria de Cataria, “onde existen maxias ás que ninguén se pode resistir, como a de que cada botella de leite que reparte o leiteiro Fígaro teña propiedades específicas para cada destinario”. Unha obra onde son importantes, tamén, as cartas, as bolboretas e a relación entre o protagonista e Blim, un raposo que lle abre as portas da aventura.

Lucía Cobo, ilustradora da obra e membro do xurado, confesou que consideraba Muriel como “unha aperta moi cálida ao lector, un libro capaz de situarte diante da perda sen dolor, un libro de lembranzas, moi sensorial, cheo de cor. En definitiva, un conto de aventuras que permite a un neno enfrontarse á perda tan dolorosa como a da avoa e facelo sen medo, contando con moitos apoios”. Destacou Cobo o tratamento dos personaxes, tanto o da avoa, que non aparece nunca, mais que está representado por Blim, o raposo. Sinalou, a seguir, que todo o libro constituía unha homenaxe ao Principiño, “sobre todo polo feito de que é o raposo quen asilvestra ao neno”. Confesou a ilustradora que desde o inicio sabía que o libro precsaba moito colorido, razón pola que precisou facer a evolución cromática xa na primeira das ilustracións, na que aparece Muriel no seu cuarto, así como as posibilidades que o origami lle faciltou para expresar a valentía e curiosidade do raposo.

Pola súa banda, María Canosa confesou que “Muriel foi un soño e gañar o Premio Merlín, ao que lle andaba facendo as beiras, foi outro”. “Un amigo de meu, chamoume hai poucos días para dicirme que lera o libro é que constituía a triple eme: Muriel, Merlín e María. E efectivamente creo que este é o libro máis María que nunca, onde conto as historias que sempre quixen contar, convencida como estou dende hai tempo que son as historias as que chaman por min”. “Muriel é un personaxe fráxil e forte ao mesmo tempo, xa que creo que a sensibilidade non está reñida coa fortaleza que leva dentro. Necesitamos apenas un estímulo para perseguir algo ou alguén que está dentro de nós”. “Ten razón Lucía, O principiño está no libro, aínda que lle dera a volta. Creo que debemos deixar ocos en branco, entre liñas, para que as cubran os lectores e lectoras. Escribo para soñar e soño para vivir. Escribo para que os nenos e as nenas crean nesas historias e continúen soñando”.

Manuel Bragado

Comentarios pechados