Menu Xerais

Unha lectura agradable. Anotación de Xosé Manuel Eyré sobre «Historias de Oregón», de Diego Ameixeiras

O crítico Xosé Manuel Eyré publica no seu blog unha anotación sobre Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas.

Oregón e a emoción maior

Unha das lecturas que estou facendo esta semana, a última de Diego Ameixeiras.

Historias de Oregón é un cruzamento de camiños, de camiños que son vida. Non rematei de lela, polo que teño que matizar esa a afirmación. Polo momento, Historias de Oregón  é a exposición de varias historias que aparentemente teñen en común o espazo de Oregón como nexo. Polo momento aínda non se cruzaron agás dese xeito. Mais eu manteño o dito, aínda que non cheguen uns a afectar a vida dos outros, porque hai un espazo onde si se cruzaron xa, desde o inicio. A mente do  lector, iso tan esquecido, durante tanto tempo, como territorio literario, e fundamental, engado.

E a mente do lector ( sobre todo a do lector avezado, aínda que o circunstancial non é incapaz de facelo e mesmo pode, na miña opinión é seguro, que lle efecte igual aínda que non o recoñeza), esa mente do lector, xa no  primeiro capítulo recoñece que alí hai literatura da boa. Por como conxuga a primeira persoa e a terceira, por como o narrador domina todas as instancias narrativas para deixar un texto breve máis completo, breve mais sematicamente denso e ben contado.

E é magoa que ese narrador despois se faga a un lado, se convencionalice como instrumento das personaxes, que son quen realmente dominan. En parte é lóxico. Porque? Porque é o primeiro capítulo, a trama esta principiando a se desenvolver. E cando se estea desenvolvendo xa non hai outro interese que lle poida.

Lese con agrado, este Premio de Novela por Entregas de LVG, tamén porque as personaxes, esas ficcións ficticias, son doadamente asimilábeis a esoutras ficcións reais que camiñan á nosa beira mais das que descoñecemos case todo, agás que están alí, canda nós. É a literatura a devolver vida, e poucos alicientes mellores hai para fixar a  mente do lector ás páxinas, porque…que emoción hai maior?

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!