Menu Xerais

Unha lectura destinada a trunfar entre a rapazallada: «Tres bichicomas, dúas illas e unha serea», de Rosa Aneiros e Abi Castillo. Crítica en Trafegando Ronseis

O blog Trafegando Ronseis  publicou unha anotación sobre o libro: Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, de Rosa Aneiros, con ilustracións de Abi Castillo. O libro está publicado por Xerais na colección Merlín, e gañou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2018.

 

 

Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, de Rosa Aneiros e Abi Castillo

Non sei como o consegue, pero Rosa Aneiros non defrauda. De verdade, que agora que ando a me recuperar moi lentamente da miña crise lectora e que busco con coidado os libros a ler para non volver atrás, este foi unha gozada. Unha mañá de domingo ben aproveitada porque o libro lese nunha carreiriña de can, pero o mellor é que non tes ganas de parar. Así que xenial!

Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, publicado por Xerais e ilustrado por Abi Castillo, recibiu o Premio Agustín Fernández Paz da narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade 2018. Abofé que foi un premio ben merecido! A vizosa imaxinación da autora aliada coa súa inestimable sensibilidade xúntanse para crear unha lectura que de non trunfar entre a rapazallada sería como para non crer nunca máis na humanidade. Porque de todo hai: aventura, amor, amizade, compañeirismo, solidariedade, compaixón…

Unha nena que descobre que non todo é o que parece e un avó que ama dende o silencio, uns lazos de unión que son irrefutables, a engranaxe dunha aldea, a sedución do rural…

Anímovos a que compartades e leades este libro que cara ao final vos convidará a algunha bágoa mentres que o sorriso do principio aínda está a relucir.

Grazas, Rosa, por este cacho de tempo na túa illa de amor.

 

Deixa un comentario!