Menu Xerais

Unha monografía seria e ben articulada: «Carvalho Calero, vida e obra dun ser polifacético», de Henrique Dacosta. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: Carvalho Calero, vida e obra dun ser polifacético, de Henrique Dacosta, publicado por Xerais na colección LibroX.

 

Carvalho Calero, vida e obra dun ser polifacético, de Henrique Dacosta

Van chegando ás librarías galegas diversas monografías e estudos vertebrados arredor do escritor que protagoniza o Día das Letras Galegas deste ano. A que agora me ocupa vén da man do profesor e escritor ferrolán Henrique Dacosta que ofrece, en pouco máis de cen páxinas, un achegamento útil, didáctico e suxestivo en torno a cuestións  biográficas e literarias do profesor Ricardo Carvalho Calero.

Neste sentido, Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético, nace desde as instancias do respecto e do profundo coñecemento da diversas dimensións creativas e vitais do autor de Scórpio e, sobre todo, do diálogo que se establece entre os aspectos máis puramente biográficos e aqueloutros que se reflicten na súa propia obra de creación. Velaí como Dacosta se  abeira a interrogar os espazos ou territorios polos que Carvalho transitou, afonda nos ecos que a súa traxectoria política deixou e asedia todas facetas que enriquecen o seu perfil como son as de investigador, crítico, filólogo, profesor, lingüista e, loxicamente, as de creador literario, cunha especial atención ás pezas narrativas, teatrais e ensaísticas -estas últimas de toda orde- que foi cultivando ao longo da súa vida.

Reconstrúe Dacosta, con éxito e efectividade divulgativa, as claves dun autor que tivo moitas e moi diferentes preocupacións culturais. Adopta, creo que con tino, un esquema de carácter cronolóxico a través do cal viaxamos, con solidez documental e, coido, con equilibrio valorativo, polos socalcos biográficos do polígrafo ferrolán, subliñando valores como os da súa integridade, o seu alto nivel de esixencia persoal, o seu compromiso coa causa do seu país, a capacidade extraordinaria de traballo e a súa  honestidade, tendo en conta sempre a atmosfera social e histórica que o rodeou  de xeito que así é sempre máis doado entender cabalmente as diferentes dimensións dos aspectos creativos que o ocuparon e, sen dúbida, as singularidades do seu perfil máis persoal.

Unhas útiles páxinas finais centradas na bibliografía “de” e “sobre” o autor poñen o ramo a unha monografía seria e ben articulada á que lle desexo o maior dos éxitos.


Deixa un comentario!