Menu Xerais

Unha narración viguesa canónica nas formas e contido: «Sete Caveiras», de Elena Gallego. Crítica de X. A. López Silva

A revista Tempos Novos publicou unha recensión critica de Xosé Antonio López Silva sobre Sete Caveiras, de Elena Gallego Abad.

 

Sete caveiras ou a aqueles (non) tan marabillosos anos

Semella clara a preponderancia nos últimos tempos do éxito editorial en lingua galega da narrativa de xénero. Unha ollada ás listas dos máis vendidos dos últimos anos constatan a fidelidade do público en particular cara o xénero negro. O éxito, como se debatiu nunhas interesantes xornadas organizadas o pasado 6 de febrero no Consello da Cultura Galega, está intrínsecamente relacionado co carácter descritivo, crítico e realista asociado ao xénero, pero tamén ao desenvolvemento de vertentes que asumen posibilidades paródico-literarias (Fernández Naval) e mesmo de política ficción (Diego Ameixeiras). A estructura de xénero, lonxe de ser un corsé, abre posibilidades curiosas de desenvolvemento e mesmo de subdesenvolvementos textuais, que conducen o xénero mesmo ata o territorio do localismo. Así, con Sete caveiras, (Xerais, 2014) da xornalista Elena Galllego, coñecida ata o de agora pola súa incursión na narrativa xuvenil de ficción fantástica con Dragal, podemos case comezar a establecer o desenvolvemento dun subxénero propio de novela negra galega que na devandita vertente localista, permitiría falar case dunha novela negra viguesa, operativa en autores coma Domingo Villar e o seu detective Leo Caldas, o inspector Hermida, de Francisco Castro e O corazón de Branca de Neve. As características destas novelas e de Sete Caveiras radicarían non tanto na trama, senón no retrato da recoñecible cotidianeidade dunha urbe cunha idiosincrasia moi característica tanto no eido do presente como a niveis da historia recente do país. Iso queda reflectido de xeito particular nesta novela, que dialoga de xeito constante co Vigo da década dos oitenta, o Vigo dos anos da Movida. Cidade e movemento cultural teñen creado un discurso propio que a autora asume para adaptalo á particular canonización que supón sometelo aos corsés do xénero policial, a partir da aparicición sucesiva de cadáveres vencellados a esa época, respresentados asemade nos seis macguffin duns clicks de Famobil, que aos que pasamos dos corenta, supoñen unha das maiores personalizacións da infancia deses anos da tan traída e levada Transición.
Sete Caveiras é unha novela negra onde o relevante, é, de feito, a atención ás normas do xénero para construir unha narración localista pero absolutamente canónica en formas e contido. O dito permite, sen embargo, ofrecer a lucidez dunha autoconsciencia autorial, que intelixentemente eleva a trama ao aludir de base pero sen nomeala á fonte de inspiración textual básica do conxunto do relato, os Dez Negriños de Agatha Christie. Ata detalles concretos inspiradores do hipotexto coma a canción popular conservánse reconvertidos na novela de Elena Gallego, adaptados por outra canción popular, un himno xeracional como foi Siete Calaveras, do grupo madrileño La Frontera. Nese eido, coido que o diálogo intertextual coa novela de Christie ofrece tamén as claves dos obxectivos da escrita de Elena Gallego, que busca, ante todo, a creación dunha novela negra marcada en boa medida polo desexo de ofrecer unha historia entretida, no máis amplo e mellor sentido do termo. Isto obrígalle a desenvolver unha narración ás veces aclaratoria, necesaria para facilitar unha lectura que se ha supór transversal a varias xeracións, aínda que obviamente, será a da franxa comprendida entre os 35 e os 50 anos, a dos lectores que se sintan máis cómodos e identificados coa historicidade dos elementos de ambientación da novela e os seus flashbacks. Sete Caveiras, ao igual que O corazón de Branca de Neve, sen embargo, transita máis cómoda polo territorio da cotidianeidade viguesa actual, sen desbotar un sentido do humor moi de agradecer nunha trama tétrica que autoparodia tamén os relatos de xornalistas investigadores e outros elementos máis concretos doutras novelas negras ben coñecidas para o público afeccionado, coma a relevancia do elemento gastronómico para a protagonista, tan ao estilo dun Camilleri coma de Domingo Villar. De feito é na descrición dos personaxes secundarios onde se bota de menos unha maior profundización no seu debuxo. Algúns semellan quedar demasiado esvaídos en beneficio dunha protagonista que condensa en si mesma todo o peso da trama, mesmo ata os achádegos froito do azar que tiran nalgún momento da narración. O final aberto, con todo, engade un elemento interesante á novela como conxunto. Coidamos que de novo debe ollarse este en relación directa co hipotexto base de Dez Negriños, o cal acrecenta, asimesmo, un nivel polisémico que está ausente no avance xeral da trama. Malia que o obxectivo primario do xénero, como sinalaba a propia Agatha Christie, é o do entretemento, o devandito final contribúe a condensar unha amalgama de posibilidades reflexivas que nalgúns casos están patentes, e noutros o lector se verá obrigado a construir ou cando menos, valorar. A intertextualidade non ofrece, pois, todas as claves interpretativas, mesmo nesta obra de lectura áxil e veloz que hoxe por hoxe, podemos acompañar dunha banda sonora dos anos da Movida composta en Spotify como axeitada música de fondo. En calquera caso, o seu éxito editorial incide na puxanza do xénero negro galego e polo dagora, nestes últimos meses, cun marcado tinte vigués que fai augurar, de seguro, novas posiblidades para este desenvolvemento narrativo e tal vez, para o propio personaxe de Marta Vilas.

  Xosé Antonio López Silva

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Comentarios pechados