Menu Xerais

Unha novela amena que abre as portas ao coñecemento: «O anxo negro» de Manuel Gago. Anotación no blog Caderno de Escola

O blog Caderno de Escola, asinado por Leonor, publicou unha anotación sobre a novela O anxo negro, de Manuel Gago.

 

 

«O Anxo negro» de Manuel Gago

«Quenquera que fose estaba saqueando Galicia e toda a riqueza artística que, durante séculos, a propia Historia, esa procesión de poderosos, artistas, meretrices, humildes e ladróns, fora acumulando por todas partes. Riquezas pagadas con foros e rendas de millo, labradas coa suor dos devanceiros de todos eles. Arte que era, no fondo, a riqueza permanente, eterna, dun país».

De sólida formación como xornalista e experto en patrimonio, Manuel Gago tece neste libro unha ficción histórica (e xeográfica) de lindes difusos que nos leva, ás veces, a comprobar datos porque xa non sabemos que é historia e que ficción.

Gran coñecedor da nosa xeografía e o noso patrimonio escribe unha historia posible cunha prosa tan natural, tan deliberadamente coloquial, que temos a sensación de estar a escoitar unha conversa ou un sucedido. Movémonos por paisaxes coñecidas e ficticias, recoñecemos os retablos barrocos, as santiñas, os cruceiros e petos das ánimas. Entre estes xenéricos, Gago mete, de cando en vez, un cameo real coma Michel Colombe ou o cristo románico da igrexa de S. Salvador de Celanova.

O conde de Traba e Xelmirez, a raíña Urraca e o seu fillo Afonso, rei de Galicia. María Estuardo, D. Xoán de Austria e a guerra de Flandes, as xuderías de Ribadavia e Pontevedra, o pirata Drake, os Fuxidos do Pindo… a historia.  A HISTORIA, que cobra vida nesta novela e forma parte do argumento e lle empresta, á ficción, a verosimilitude dos datos históricos.

É unha novela ben armada e amena. Unha novela que, como os grandes da literatura, abre as portas á curiosidade, ao coñecemento, ao recoñecemento da nosa cultura e, sempre, a outras lecturas.
Ler este libro co noso alumnado, contar con Manuel Gago (e logo non?), remexer na historia e na cultura con eles paréceme unha actividade útil e divertida.

Comentarios pechados