Menu Xerais

Unha novela curta, entretida e suxestiva para achegarse á luz da Idade Media: «A arte de trobar», de Santiago Lopo. Crítica en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación sobre a novela A arte de trobar, de Santiago Lopo, Premio Xerais de Novela 2017.

 

A arte de trobar, de Santiago Lopo

Recoñezo que case o lin dunha atacada e que agardaba outra historia diferente, xa que non me fixei na contracapa, ansiosa como estaba da súa lectura e de saber se podería recomendalo en 3º de ESO, ao fío das explicacións que andamos adarna aula sobre o trobadorismo. Así que mergulleime na  lectura d’ A arte de trobar de Santiago Lopo, premio Xerais de novela 2017,  para degustala e paladala, xa que é unha novela curta, entretida e mesmo suxestiva para achegarse a un mundo afastado, o medieval. Canda ela poderemos pasear por castelos, poderemos cantar cantigas, poderemos ter medo á Inquisción e poderemos saber algo máis dos cátaros e dos provenzais, mesmo poderemos escoitar música que convida ao baile; asemade, volveremos tremer coa fraxilidade das linguas. E presumiremos de personaxes femininas, xaora!
Situémonos, pois, no século XIII, aínda que non en Galiza: Cruzada albixense da igrexa católica e o goberno de Francia contra os cátaros. Cruzada da Inquisición por rematar, entre outras cousas, cos textos sagrados en linguas que non sexa o Latín (unha volta de reflexión á que nos empurra o texto,  a situación da nosa lingua). As ciencias ocultistas e os libros de nigromancia. Amais das cruzadas, as cantigas, os versos de noso e os provenzais, os códices, os produtores das cantigas e a súa difusión. Realmente, este é o grande marco no que situar a acción, esa que ten dous eixos fundamentais arredor dunha protagonista, esa que nos conquista coa seu papel e que premoniza a importancia da cultua. Benvida a un mundo que non só foi escuro na Idade Media, Elvira-Martine. Seguimos precisando da luz.

(fala María Balteira) “Farta estou de que se rían de min e me critiquen nas súas trobas. As súas risas ebrias supoñen unha barreira infranqueable para as miñas creacións. Xamais respectan o que fago, nunca admiran as cancións que eu compoño. Róubanmas e din que as escribiron eles (…) Cansa estou, amiga, cansa estou de ser nai, amante e criada de todos eles” (p.109)

Fóra da aula, o prestixio da lingua de Oc decaía fronte ao francés falado polos mestres e estudantes foráneos. O occitano levaba camiño de converterse nunha fala de campesiños” (p.154)

Deixa un comentario!