Menu Xerais

Unha novela de áxil lectura, temáticamente comprometida e moi ben escrita: «Veleno de tinta impresa», de Xosé Antonio Neira Cruz. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha anotación sobre o libro: Veleno de tinta impresa, de Xosé Antonio Neira Cruz, publicado por Xerais na colección: Narrativa.

 

Veleno de tinta impresa, de Xosé Antonio Neira Cruz(Xerais)

 

Tantas veces a ficción é un auxilio para o coñecemento real da Historia… Si, porque os datos poden ser moi fríos e non recoller a experiencia vital que significaron determinados momentos, determinados actos, determinadas vidas… Porén, a ficción, aínda que é ficción, si ten o poder de nos achegar esas experiencias vitais que significaron moito, que aínda significan moito. Xa se sabe: se non è vero è ben trovato, que diría o herexe Giodano Bruno, e que nesta ocasión acae de marabilla ao título de Xosé A Neira Cruz, esta Veleno de tinta impresa, que resultou vencedora da XXI edición do Premio Ánxel Fole de Narración Curta, e que recrea o ambiente en que se movían, vivían e actuaban un fato de mulleres transgrresoras, afoutas e que se atreveron a internarse con éxito no mundo da palabra escrita, onde o masculino parecía o único nome que se podía conxugar. A novela breve está escrita na memoria de María Luz Morales ( A Coruña 1889 – barcelona 1980), primeira muller directora dun xornal no contexto español. Nela, na súa figura está inspirada a protagonista da novela, Elvira Morales, que conserva o apelido da homenaxeada. Porén nesta ficción aparecen máis mulleres transgresoras , tales como Paquiña (Francisca) Herrera, María Miramontes, Elvira Bao e Amparo López Jeán (estas dúas aínda moito a reivindicar, mais non só elas, outras moitas están na mesma situación), Cecilia Böhl de Faber (Fernán Caballero), Fanny Garrido, a Pardo Bazán, Sofía Casanova, María Barbeito, Eugenia Osterberger ( Madame Saunier) ou A Bela Otero…Ás que acompañan nomes masculinos cono Miguel Sawa (director de LVG), Fernández Latorre (fundador de LVG), César Alvajar, Marcial del Adalid, Sánchez Anido, Pan de Soraluce, Picadillo, ou Vilar Ponte…

Botando man de todas elas e todos eles, Neira Cruz compón unha ficción na cal Elvira Morales protagoniza algo parecido ao que ben puideron ser os primeiros pasos como xornalista de María Luz Morales, figura á cal homenaxea e na cal se inspira a personaxe de Neira Cruz. Unha ficción para ilustrar como puido ser a realidade, e que ten o seu de relato histórico. Neste senso cabe salientar o bon coñecemento do momento histórico, que resulta decisivo para manter a verosemellanza, e que se materializa especialmente nuns diálogos moi ben logrados, e que son, ao noso parecer, o mellor da novela. Claro que isto non vai só, porque se os diálogos están así de ben tratados, isto redunda en que nunha novela breve aparezan tantas personaxes e á vez estas estean tamén moi ben configuradas aínda que non dispoñan de moito espazo para se manifestar.

Eis, logo, que esta novela breve non só rescata a memoria de mulleres transgresoras e pioneiras no protagoismo feminino en espazos culturais tradicionalmente vedados ás mulleres. Non só iso, que xa de por si sería un aliciente, un motivo para ler esta novela breve que edita Xerais; non só iso senón que ademais tamén resulta unha novela (breve) salientábel polo ben escrita que está. Sendo, pois, un título recoméndábel non só por tratar un tema moi necesario, senón que ademais resulta unha ficción moi salientábel na súa factura. Unha lectura imprescindíbel que nos permite lembrar aquel tempo en que as ideas tradicionalistas da sociedade coruñesa, pois é na Coruña onde trascorre fundamentalmente a trama ( aínda que tamén aparece o pazo de Lóngora de Marcial del Adalid e Fanny Garrido, onde se xuntaba o máis significativo da sociedade e cultura coruñesa), esas ideas tradicionalistas que por fin tiñan que debater con outra corrente: aperturista, moderna e que apostaba non só por mellores enxeños mecánicos (linotipia…) senón tamén porque a muller accedese a novos retos profesionais tradiconalmente couto masculino, esas pioneiras que foron abrindo camiños pasando por riba de convencionalismos, senón que son un pear fundamental na loita polas reivindicacións feministas de hoxe en día, pois o seu exemplo queda na historia non só para non esquecer senón tamén para imitar.

Docere et delectare, máis non se pode pedir a unha novela de áxil lectura, tematicamente comprometida e ilustradora, e ben escrita.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!