Menu Xerais

Unha novela de formación contemporánea logradísima e de excelencia: «santoamaro», de Antonio Manuel Fraga. Anotación de Manuel Bragado

O editor Manuel Bragado publicou unha anotación no seu blog Brétemas sobre o libro: santoamaro, de Antonio Manuel Fraga, publicado por Xerais na colección Fóra de Xogo. O libro gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2020.

 

santoamaro’, de Antonio Manuel Fraga

 

Consegue Antonio M. Fraga con santoamaro (Xerais 2021), premio Jules Verne de literatura xuvenil 2020, darlle unha volta de porca literaria á chamada «novela de instituto» mesturando de forma natural á narración e o teatro. A orixinalidade na escolla dunha estrutura hibridada entre a novela e peza dramática, a localización espacial e temporal precisa,  a praia urbana de Santo Amaro do coruñes barrio de Monte Alto durante as madrugadas dos sábados dun mesmo verán, así como a fidelidade de espírito naturalista dos rexistros das voces dos personaxes, incluídas as textualidades das conversas dos grupos de WhatsApp e as súas preferencias musicais, permiten contar con enorme credibilidade e contundencia, froito dunha prosa clara e traballada, exenta de retórica lírica e tópicos didácticos, a historia dramática dunha ducia de estudantes que acaban de rematar 2º de Bacharelato e deben enfrontarse, antes de que os seus camiños se afasten, ás violencias, conflitos e miserias que foron adiando ou agochando nos anos de instituto.

santoamaro é unha novela de formación contemporánea logradísima e de excelencia, tanto no seu achegamento temático como formal, que aventuro marcará un fito na literatura xuvenil galega e na traxectoria do propio autor. Parabéns ao meu admirado Antonio.

Manuel Bragado

Comentarios pechados