Menu Xerais

Unha novela imaxinativa, retranqueria e entretida: «As sete mortes de Leopoldo Pardo», de Jorge Emilio Bóveda. Crítica de David González

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre a novela As sete mortes de Leopoldo Pardo, de Jorge Emilio Bóveda.

 

Recensión: Jorge Emilio Bóveda, As sete mortes de Leopoldo Pardo

Tras Asasinato no centro comercial e A morte vén en chancletas, Xerais publicou este mes de Febreiro o terceiro volume desta “saga” As setemortes de Leopoldo Pardo. Nel amosa un rexistro eminentemente satírico en conxunción cunha historia moi orixinal chea de humor na que homenaxea algúns dos cimentos da nosa cultura.

 A esixencia deste libro co seu público é nula. Mediante unha narrativa máis propiamente do cinematográfico, sintaxe simple e continúas referencias (in)directas a elementos mass media a lectura deste libro é un exercicio moi ameno e divertido. As poucas páxinas deste libro consúmese rapidamente e sen moito esforzo.

 Na enrevesada trama deste libro vese un exercicio de imaxinación e continuos e orixinais disparates que fan do libro un produto moi aditivo. Leopoldo Pardo é un personaxe moi interesante e que representa moi ben as características de certo sector non recomendable da poboación. Neste libro sofre un proceso de autodestrución no que non repara cegado polo seu desexo polo capital.

 O mellor do libro é o retrato da sociedade que nel se tece. O texto amosa as miserias do ser humano, as esperpénticas relacións sociais, a ambición ou o cinismo do xeito más público posible. Todo iso aderezado cun humor bastante escuro e con reflexións enxeñosas sobre os acontecementos máis banais.

En resumo, Jorge Emilio Bóveda ofrécenos un libro moi entretido, sen alardes de estilo e que constitúe unha homenaxe tanto a nosa cultura con maiúsculas como ó noso carácter retranqueiro. Seguro que conseguirá que os lectores gocen desta aventura.

Sinopse:

Leopoldo Pardo -Leopardo-, ex-presidiario e antigo vixilante xurado, traballa agora na cidade de Auria como axente de seguros da compañía Nationale Switzerland. Un día recibe un encargo especial dun cliente extravagante: asegurar sete obxectos paradigmáticos da cultura galega entre os que están a máquina de escribir de Blanco Amor ou a caveira de Breogán. Os sete obxectos están asociados a sete contravalores que rexen a sociedade actual e Leopardo deberá documentar graficamente a existencia deses antivalores para cobrar as primas das pólizas. Unha tarefa considerada fácil en primeira instancia…Bóveda ofrece, agora en Xerais Narrativa, o terceiro volume das andanzas do inefable Leopoldo Pardo, comezadas en “Asasinato no centro comercial” e continuadas en “A morte vén en chancletas”.

 «”As sete mortes de Leopoldo Pardo” é unha das mellores obras do autor ourensán, na que se conxugan a ironía, un pouso tolo de obras de Vicente Risco e Curros Enríquez, e unha análise revelada da putrefacción nos comportamentos sociais de hoxe en día.» (Herminio Espada Gómez)

«Unha revisión moderna do “Divino Sainete”, unha homenaxe secreta á novela “Drácula”, chea de simbolismos e chiscadelas a dúas culturas: a galega e a popular. En definitiva, outra xanela aberta nas letras galegas.» (Francisco Roque Brito)

David González Domínguez

Comentarios pechados