Menu Xerais

Unha novela impactante e arriscada: «Luns», de Eli Ríos. Crítica de Manrique Fernández

O xornalista e escritor Manrique Fernández publicou no seu blog, O meu andel, unha recensión crítica sobre a novela Luns, de Eli Ríos, Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega 2016.

 

 

Eli Ríos: «Luns»

«Luns» é unha novela impactante e arriscada, unha desas historias que ficarán na memoria do lector moito tempo, unha terapia de choque contra o pesimismo que foi recoñecida o pasado ano co Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega e que agora aparece impresa da man de Xerais. Eli Ríos aposta moi forte para darlle forma a este relato no que interioriza un momento difícil para a protagonista, Nerea, unha muller que parece que ten a súa vida encarreirada.

Se digo que é un libro impactante é porque, dende o principio, sitúa ao lector nunha posición de impacto, pois o primeiro que facemos ao mergullarnos nas súas páxinas é asistir a unha diagnose de cancro de mama á que Nerea, Nere, se ten que enfrontar. Réstanlle non máis de dous meses de vida. E a partir de aí, todo se volve frenético.

¿Que facer cando sabes que en dous meses todo remata? O marido, os dous fillos, o traballo, as amizades, as historias non vividas e unha chea de sensacións conflúen no interior de Nere provocándolle sentimentos contrapostos fronte á realidade dun final escrito e inexorable, dunha sentenza sen delito da que ela, no fondo, é unha vítima. A diagnose acontece o luns, o resto da historia dura só dous días máis. E durante estes tres días acompañamos a Nere, vivindo o que ela vive e sentindo o que ela sente. Unha viaxe introspectiva da que o lector forma parte indisoluble.

Para conseguir ese efecto, Eli Ríos desenvolve a narración dende o interior da protagonista, a base de frases directas, contundentes e sen adobíos; frases moi curtas que semellan nacer directamente do seu pensamento, coma se de certo estivesemos a viaxar entre os lóbulos do seu cerebro. Asistimos así a un totum revolutum de ideas confusas que nos mergullan directamente no sentir de Nere. Por iso digo, tamén, que é unha narración moi arriscada. Porque contar a historia desta maneira paréceme un risco evidente que Eli Ríos estivo disposta a correr e do que saíu airosa. Se xa era un referente no eido da poesía, «Luns», a súa primeira novela para adultos, colócaa como unha das nosas máis audaces e prometedoras narradoras.

Tal xeito de contar a historia pode levarnos a pensar nun relato caótico e confuso no que é doado que o lector se perda. Pero a autora desprega para nós unha habilidade especial para conducirnos por todo ese revoltillo de sensacións que aturullan o sentir de Nere ao ver a morte tan de cerca e máis unha vida, a súa, que no fondo non é tan perfecta como pensaba. Un marido infame, celoso en demasía e que non ten remorsos en usar a violencia contra ela, déixao ben ás claras.

Cuestión aparte merece o final, sobre o que só direi, por aquilo de non facer spoiler, que sorprende. ¡E moito!

Manrique Fernández

Comentarios pechados