Menu Xerais

Unha novela memorialística que se nutre de momentos de vida: «As vidas de Nito», de Xabier Paz. Crítica de Montse Pena Presas

Montse Pena Presas publicou nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre As vidas de Nito de Xabier Paz.

 

Palabras sandadoras

Pequenas pezas do puzzle

Resulta evidente que a memoria é un dos motivos clásicos da historia da literatura universal. Acompañado inevitablemente por outro elemento altamente canónico, o paso do tempo, adoita ser materia recorrente que se aborda dende un multiperspectivismo necesario para non caer na rotina ficcional. As vidas de Nito,a última novela do biólogo Xabier Paz, tráea de novo ao primeiro plano, ao presentar unha historia que se nutre das conversas –coa lembranza por medio– de Casiano Cendán, un ancián na derradeira etapa da súa vida, e a súa neta Aldara, a quen non coñece demasiado porque non compartiron as vivencias precisas. Entre eles mediará tamén a voz de Valentín, compañeiro e cómplice do protagonista, tamén escritor, que asiste a algún destes encontros.

A novela toma, como encadre primixenio, a forma dunha sorte de monólogo intimista –non interior propiamente, pois non se empregan os artificios ficcionais precisos para que se poida falar dunha corrente de consciencia ao uso– moi elaborado e mesmo erudito.

Esa erudición diversa, se ben fará gozar a certos lectores ao non atopar nunca acougo, será precisamente a principal chata que outros lle apoñan, ao demorar un ritmo xa de por si calmado, que fica suxeito polas numerosas digresións presentadas. A un mesmo tempo, as diferentes anécdotas sucédense, intercalándose, permitindo ordear as diferentes etapas da vida do protagonista, cuxa cerna principal a constitúe unha rara enfermidade que fai que o seu corpo medre parsimoniosamente, facéndoo –como non podía ser doutro xeito– saberse diferente.

Neste sentido, As vidas de Nito cumpre con outra característica habitual nas ficcións memorialísticas, ao presentar non un potente alicerce a partir do que se constrúe a historia, senón ao nutrirse de momentos de vida, desas pequenas pezas do puzzle que somos, as que acaban por compor unha existencia.

Finalmente, e con isto non desvelo nada primordial da trama, sabemos que as rememoracións que vimos de ler son, en realidade, a escrita do paso polo mundo do protagonista, que compuxo para Aldara. A palabra tórnase aquí en sandadora das ausencias, propiciando que se bote en falta, sorprendentemente, o que non se coñecía anteriormente. Mais as palabras farían a milagre e as vidas de Nito, por vez primeira, chegarán verdadeiramente á neta.

 Montse Pena Presas

Deixa un comentario!