Menu Xerais

Unha novela para consumir con deleite e gozar: «O último día de Terranova», de Manuel Rivas. Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación sobre a novela O último día de Terranova, de Manuel Rivas.

 

O último día de Terranova

Moito gocei coa lectura deste o último libro de Manuel Rivas publicado por Xerais, O último día de Terranova, xa que esta autor ten un don máxico de xuntar as palabras de tal xeito que fai musica con elas e o ritmo lene e poético mantense en todas as súas páxinas. Rivas fai, si, unha homenaxe ás librarías, pero no libro hai moito máis, un monte de caixas de historias que nos gusta abrir pouco a pouco. Porque o libro hai que consumilo pouco a pouco, con deleite, con ganas de subliñar miles de expresións que xuntas son versos libres da literatura. Nunha das caixas leremos a denuncia da intolerancia, do fanatismo, e xusto ao seu carón enfadarémonos coa violencia das ditaduras e dos seus aparatos opresores; na caixa máis grande, a que non se desfai, está a simbólica “Terranova”, ou sexa, a liberdade, o refuxio dos libros clandestinos, a fuxida de censura. Mentres abrimos e pechamos caixas, demorámonos nas múltiples citas que nos lembran a nosa incultura: libros, escritores e mesmo chiscadelas pululan un universo escrito que dá pé ao optimismo final. Quizais a humanidade teña salvación, coma a libraría.
Rivas declara o seu amor polos libros, pero sobre todo tende unha man chea da maxia da poesía a todo aquel que entre nunha libraría, que crea que a cultura é, ao fin e ao cabo, a salvación dun planeta que ás veces semella estar poboado tan só por dinosaurios.

Comentarios pechados