Menu Xerais

Unha novela que se deixa bicar pola lingua: «Antípodas» de Xosé Vázquez Pintor

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a novela Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor.

 

 

«Antípodas» de Xosé Vázquez Pintor

Na libraría Maraxe de Cangas do noso admirado Lito acompañamos onte a Xosé Vazquez Pintor na presentación de Antípodas, a súa novela máis poética de derrotas e resistencias. Confesou Pintor que a novela escribiuna mentres estaba baixo mínimos, cando padecía as secuelas dun infarto severo. «Nese medo agarreime ao que podía esquecer, a todas aquelas baiuras que me podían salvar a vida». Definiu Antípodas como «unha resonancia magnética en tempo de acordar», consciente de que «a casa non é para os contramedos senón para a rosa, un lugar onde soñar.» «Esta foi a miña terapia, fuxindo da despedida». Xustificou despois a brevidade dos capítulos, «para que a lucería fose amiga onde nos ver, eu precisaba desabafar, botar fóra con urxencia.» Insistiu na «importancia de deixarnos bicar pola lingua, quizais porque teña tendencia ao feminino», así como de enriquecernos coas palabras da tribo, «co seu significado e a súa expresión artística». Antes de ler tres dos capítulos, fixo un chamamento ás novas xeracións para que bebesen na fonte da lingua popular e a transmitisen aos seus fillos.

Manuel Bragado

Deixa un comentario!