Menu Xerais

Unha novela sobre a necesidade de modificar desatinados códigos sociais e de conduta tan presentes no noso tempo: «O lado do que dormes», de María Canosa. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica, e no suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, unha anotación sobre o libro: O lado do que dormes, de María Canosa, publicado por Xerais na colección Milmanda.

 

O lado do que dormes, de María Canosa

María Canosa non agocha as intencións que dominan o que constitúe a súa última novela para adultos baixo o título de O lado do que dormes. Nas primeiras páxinas agroman xa dúas preocupacións que a protagonista chamada Laura explicita como son, ao meu xuízo, a asunción inevitable do paso do tempo -unha constante sempre presente onde o devezo por retornar á infancia paira como un desexo inalcanzable, aínda que de xeito sorprendente retorne da man dunha personaxe que entolda esa felicidade que, por veces, se asocia topicamente a ese período- e, por outro lado, a intención de debullar a vida cotiá dunha muller que se converte nun maratón interminable e esgotador onde as responsabilidades, de índole laboral, doméstica e familiar, serán unha lousa que, progresivamente, vai pesando máis e máis ata asolagala e facela consciente de estar a vivir na cerna dun verdadeiro labirinto sen saída.

A voz narrativa da novela, por outra parte, adopta unha perspectiva afastada da asepsia ou da frialdade pois esa primeira persoa que exhibe, e que incorpora luzadas irónicas que reducen a tensión das situacións descritas, abéirase a unha sorte de corrente de consciencia que ispe á protagonista, que a sincera e que, ao tempo, é operativa para convencernos  de que a defensa do feminismo e, sobre todo, do concepto de sororidade, supón o brazo do que termar -o único brazo tantas veces- para resistir. E resistir supón habitar os recantos da fortaleza que latexan dentro do personaxe diante das dificultades para a conciliación laboral, diante dos sinais continuados de machismo en diversas ordes mais, sobre todo, no ámbito profesional en que desempeña, ou iso intenta, a súa profesión cualificada.

O lado do que dormes, xa que logo, é unha novela precisa para reflexionar sobre a necesidade de modificar, e subverter de vez, desatinados códigos sociais e de conduta tan presentes no noso tempo. Creo que o consegue.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección Ex umbra in solem, o 13 de decembro de 2019.


Deixa un comentario!