Menu Xerais

Unha obra chamada a perdurar, unha labazada ao lector: «Todo o tempo do mundo», de David Pérez Iglesias

O blog de Barbantia publicou unha crítica de Agustín Agra sobre a novela Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias, ilustrado por Marcos VisoPremio Merlín de Literatura Infantil 2016.

 

Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias

Todo o tempo do mundo é a novela de Ariadna e de Valente. De Valente e de Ariadna. Dunha nena urbanita de case 12 anos e dun vello courelá, seu avó, de case oitenta. É a novela de dous mundos e de dous tempos. Malia que narrada en boa parte nun tempo pretérito recente (un case presente), é unha novela acerca do pasado e do futuro. Do antes e do despois. É a novela dun tempo que se estiñe, dunha forma de vida e de vivir que desaparece a ollos vista, que se alimenta do zume dos mitos, que bebe na saiba das nosas tradicións. Léndoa pódese escoitar a voz da terra, sentir a nosa raizame afondando, afondando, afondando… O seu autor ergueuna cos alicerces do que fomos, do que imos perdendo, do que cada vez somos menos, que nos fai sentir como se parte de nós estivese a secar. Todo o tempo do mundoé a novela do que se acaba. Dun mundo que se acaba.

É unha novela dura, traumática, violenta. Unha novela percorrida pola desolación e a desesperanza. Moitas das súas páxinas meten no corpo as gañas de berrar, de esixir xustiza, mesmo de chorar coa emoción ou a impotencia. David escolleu para este texto o camiño do sufrimento. Para escribir páxinas coma estas hai que ser ou moi sabio ou moi vello. Hai que ter sobre o lombo moitos paus. Intúese, pola súa parte, un traballo doloroso.

Escribir coas vísceras é moi difícil. Facelo co DSC1958cerebro require habelencia literaria, mais o mundo está ateigado de grandes textos que non emocionan, que non din nada. Textos baleiros. Para escribir coas tripas, co corazón, hai que ser valente, como o protagonista. Hai que ter moita coraxe. Todo o tempo do mundo é unha labazada na cara do lector dada con toda a intención. Un deses golpes que nos fan reaxir de súpeto, que nos devolven á realidade despois da alienación na que nos mergullamos acotío. Un texto que converte os nenos en adultos, que a nós nos carga de peso os ombreiros e nos volve vellos.

14732301_1868170533413016_5580723653733004917_nMais tamén é un libro para deleitarse co ritmo e coa cadencia do seu fraseado, coa súa musicalidade, coa sonoridade das súas palabras. Un libro para ler devagar en voz alta deixándose arrolar polo feitizo que encerra. Unha lección de estilo afastada de calquera amaneiramento, edulcoración ou mexericada.

É unha novela de exaltación da natureza, de comuñón coa terra, do fío da memoria e da esperanza. O fío de Ariadna, a protagonista, é o fío da memoria, si, mais tamén o da esperanza. Ela é a semente a agardar calmosa pola chegada dunha nova primavera.

Todo o tempo do mundo, o libro co que David Pérez Iglesias se fixo merecente do premio Merlín deste 2016, é unha obra chamada a perdurar no tempo. Porque, coas súas palabras: dos bos libros nunca regresas. Para el, mil primaveras!

Agustín Agra

Comentarios pechados