Menu Xerais

Unha obra divertida e dinámica especialmente recomendable para a rapazada: «A Señorita Bubble. Baixo cero», de Ledicia Costas e Andrés Meixide. Crítica no blog Palabra de Gatsby

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro: A Señorita Bubble. Baixo cero, de Ledicia Costas, con ilustracións de Andrés Meixide, publicado por Xerais na colección Sopa de Libros.

 

‘Recensión: «A Señorita Bubble. Baixo cero», de Ledicia Costas e Andrés Meixide

 

Tras o éxito da novela A señorita Bubble (Xerais, 2017) entre os máis pequenos, moitas eran as voces que reclamaban unha nova historia dun dos personaxes máis carismáticos de Ledicia Costas e da nosa literatura infantil recente. As aventuras da inventora, Lady Bubble, regresaron, xa convertidas nunha colección propia por parte da editora, ás librarías polo Nadal cunha aventura do máis peculiar e atrevida.

Teño que recoñecer que a priori a temática da historia é arriscada pola bondade indiscutible que todos os nenos ven en Papa Noel, ademais de que tamén presenta un tema tan complexo como é o das condicións laborais e o sindicalismo ós máis pequenos da casa. Sen embargo non dubidei en ningún momento da calidade do resultado final, xa que a autora acostuma a presentar textos nos que hai temas tan complexos ou arriscados coma estes. Coido que moitas veces non se lle agradece o suficiente, pero o gran éxito desta autora é, na miña opinión, devolverlle ós lectores de literatura infantil e xuvenil o status que merecen, é dicir, como un público esixente e crítico e máis que valido para comprender calquera tema.

«O grupo de elfos que compoñía as panxoliñas non tardou tres minutos en empezar a tocar laúdes e zambombas versionando o popular «Pero mira como beben os peixes no río»: Pero mira as serraduras furando a súa cachola. Pero mira Papá Cruel, tes cabeza de cebola. Choran e choran, non deixan de chorar, os elfos en Laponia non queren traballar.»

Na miña opinión, A Señorita Bubble. Baixo cero é unha obra aínda moito máis divertida e dinámica que a súa predecesora e na que sen dúbida hai reflexións moi interesantes sobre temas imprescindibles para comprender o mundo actual: as condicións do traballo, a contaminación ambiental e o inconformismo coas formas máis arcaicas do poder. Todo isto aderezado con moito humor e as marabillosas ilustracións de Andrés Meixide fan deste un libro especialmente recomendable para a rapazada.

David González Domínguez

Comentarios pechados