Menu Xerais

Unha obra moi recomendable que nos ensina que a vida tamén é soñar e quererse moito: «Conexión Macarrón», de Ledicia Costas. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: Conexión Macarrón, de Ledicia Costas, con ilustracións de Laura Suárez. O libro está publicado por Xerais na colección Merlín.

 

Conexión Macarrón, de Ledicia Costas

Aventúrase Ledicia Costas nesa franxa lectora que vai dos nove anos, aproximadamente, en diante, non moi frecuentada pola autora e que, como calquera outra peza creativa da escritora viguesa merece toda a atención.

Conexión Macarrón, así pois, é unha proposta narrativa, moi ben acompañada polo expresivo corpus de ilustracións que chegan da man de Laura Suárez, cuxo principal valor, que tamén entendo como un reto, é se cadra o de asumir e darlle forma unha perspectiva dunha protagonista infantil que resulte verosímil, fresca, imaxinativa e espontánea. E este é un dos seus verdadeiros méritos porque a voz de Espe, en quen descansa o eixo da trama que prefiro non desvelar, é así como se deseña, sen esquecer acompañala de altas doses de simpatía, ironía e, se se quere, un humor engaiolante.

A noveliña formúlaseme como moi precisa para avanzar na lectura en lingua galega nese tramo de idades antes amentado e faino cun texto sen chata ningunha. Alén diso explica como os escorredoiros e as escumadeiras poden ter outros usos fantásticos e poden ser, ao tmepo, magníficas cartas de presentación para promover a hospitalidade diante do descoñecido. Aínda outra razón para achegarse á súa lectura, finalmente,  é que, como se sinala na conclusión desta peza tan recomendable, nos ensina que a vida tamén é “soñar e quererse moito”. Beizón, Ledicia.

 

Deixa un comentario!