Menu Xerais

Unha obra na que alumea a forza dos libros que han perdurar: «Street Poems», de Fran Alonso. Crítica de Ramón Nicolás

O crítico Ramón Nicolás publicou en Caderno da crítica unha recensión sobre o libro de poemas Street Poems, de Fran Alonso.

 

Street Poems, de Fran Alonso

Hai un lugar común na obra literaria de Fran Alonso, que se entretece na súa poesía, na súa prosa e nas páxinas de ensaio ou xornalismo que nos vai deixando e que apunta a aplicar “outra ollada”, singular e única, intransferible tamén, a asuntos que en tantas ocasións están aí e que dese xeito van adquirir unha nova dimensión, converténdose nun sorprendente material literario que se organiza e estrutura de maneira diferente en cada entrega. Algo disto ocorreu en Cidades ou en Terraza, por só citar dous casos.

Á súa traxectoria poética engádese estes días Street Poems: unha proposta renovadora, que dialoga intertextualmente con outras pezas como O meu gato é un poeta e  que se sustenta nun proceso de aliaxe entre poesía e ese golpe visual que fornece a chamada “street art”. Procura o autor, deste xeito, un afondamento artístico e multidisciplinar entre fotografía, poesía, graffiti e maquetación, aínda que disto último case nunca se fale malia parecerme un elemento a ter moi en conta para apreciar o exercicio artístico concibido globalmente.

Di o autor que os versos incorporados a este libro son “algo canallas” e “poderían ser escritos nos muros, rapeados con pintura nas paredes”…, abofé que é así. Velaquí olladas diferentes para unha poesía entendida como “barricada / palabras rebeldes / e fosforescentes” nun rodopío heteroxéneo e sempre sorprendente de deseños e reprodución de graffitis, unha espiral interminable que nos conduce Bouzas a Coia, de Navia a Caminha, de Estrasburgo a Gondomar, de Donostia a Monteferro, de Vilanova da Cerveira á Illa da Madeira, de Candeán a Konstanza…, da man de artistas tan pouco recoñecidos no seu labor e que, dalgún xeito, aquí se poñen en valor.

Fran Alonso exhibe unha forza poderosa pois, a carón do humor e da ironía, idea diálogos entre elementos que sorprendentemente din cousas que nunca se agardarían. Ao tempo, hai lugar para reflexionar, cun inequívoco ritmo de rap onde a imaxe visionaria, as aliteracións, onomatopeas, anáforas e paralelismos estruturan un discurso que versa sobre asuntos trascendentes como son a liberdade, o medo, a morte ou o paso do tempo. Ilumina, asemade, presenzas que alentan nas tebras, no periférico e marxinal, onde agroma a dor e, por veces, a rebeldía; achégase á escravitude patriarcal, a todo aquilo dominado pola invisibilidade e non esquece, cun gato poeta polo medio, recoñecer voces poéticas que resoan de novo aquí, e con ecos distintos, que van de Pero Meogo a Rosalía de Castro entre outras.

Talvez o espírito ou alma do libro repouse en dous versos que din “A poesía é a tensión clandestina / dun graffiti que irradia verdades”, talvez non. Por iso convido vivamente a que este libro, destinado a un lectorado novo onde tan faltos estamos de propostas semellantes mais pleno e satisfactorio téñase a idade que se teña, sexa coñecido, lido e se cadra tamén cantado. En Street Poems alumea a forza dos libros que han perdurar..

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!