Menu Xerais

Unha obra sobre a arte da boa mesa: «Abecedario das mantenzas», de Fausto Galdo. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou unha recensión crítica do libro Abecedario das mantenzas, de Fausto Galdo. A recensión publicouse nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños.

 

 

Memoria de Fausto Galdo

A primeiriños deste mes deixábanos Fausto Galdo, sabio galeno, douto crítico de arte e mestre absoluto na gaia ciencia pindárica. Os máis lembrarano polos seus múltiples e fondos saberes, que tanto alcanzaban a historia das augas galegas como a música dos compositores reumáticos, o mesmo a memoria dos sanatorios de noso como a pintura dos artistas norlucenses. Mais non serán poucos os que, amais, o recorden como infatigable e xeneroso espallador de bondades, amigo dos seus amigos que deixa fonda pegada en todos os que o trataron e un exemplo cabal de bonhomía para os seus fillos Tomás, Faxildo e Nana e mais a súa cómplice compañeira Fernanda.

Fiel ata o final ás súas rutinas de esforzado traballador a prol da causa dun humanismo galeguista integrador das máis diversas disciplinas, non quixo irse sen nos deixar un magno testamento intelectual en forma de libro, o Abecedario das Mantenzas, obra exemplar e extraordinaria mostra da que sentiu como unha das súas grandes paixóns: o universo gastronómico.

O que foi colaborador desta casa durante unha ducia de anos ilustrounos semana tras semana verbo de mil e unha cuestións relativas ao bo xantar e mellor beber. Todos eses coñecementos verdadeiramente insondables recóllense nesta obra, compendio de anos de investigacións miúdas, lecturas demoradas e trato directo tanto cos mellores chefs coma coas xentes anónimas máis versadas na nosa cociña popular. O resultado é unha auténtica enciclopedia gastronómica na que, como moi ben expón o profesor Xosé Ramón Barreiro no luminoso prólogo ao volume, todo ten cabida: dende a historia de tal ou cal prato ata a orixe deste ou destoutro alimento, dende o eco literario dunha comida concreta ata as características nutritivas dun manxar, igual a peripecia de gastrónomos predecesores que o consello puntual para a preparación de imaxinativas receitas.

Centos de voces que se recollen nun libro de máis de tres centos de páxinas de gran formato, ilustradas por Evaristo Pereira e editadas con exquisito gusto por Edicións Xerais de Galicia, quen dispuxo todo este inxente corpus alfabético nun dobre columnado entintado en cores, cunha letra de xeneroso tipo que facilita moito a lectura.

Porque este Abecedario das Mantenzas é non só un libro sobre alimentación —que tamén, xaora—, senón unha obra sobre a arte da boa mesa e a súa proxección no mundo da creación, moi especialmente na literaria, polo que é ben doado atopar nas súas páxinas constantes referencias a Castroviejo, Frei Antonio de Guevara ou Cunqueiro, entre moitos outros, xa que as erudicións do autor neste eido se disparan tanto no tempo coma no espazo e igual nos falan do Rei Sabio coma dos mozos do fast food, pero tamén dos cítricos de orixe arábiga, dos peixes ou arroces orientais, dos vellos tratados culinarios, das festas gastronómicas… Nada escapa á atenta consideración de quen dedicou toda unha vida a aprehender os segredos máis ocultos da Arte dos fogóns.

Con Fausto Galdo fóisenos non só un académico dignísimo (pertencía á RAG como correspondente e tamén á Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e mais á Academia Galega de Gastronomía), senón un bo e xeneroso de palabra atenta e curiosidade insaciable, benquerido cronista oficial do seu Viveiro natal, onde é chorado pola veciñanza como o é no resto do territorio por vellos e moi queridos amigos, que compartiron xeiras inesquecibles con el ao longo de moitos lustros de investigación e escrita en clave galega.

O célebre gastrónomo francés Anthelme Brillat-Savarin deixou dito que o que distinguía o ser humano intelixente dos restantes animais non era senón o xeito de comer. Diso soubo como case ninguén aquí Fausto Galdo, a quen memoriaremos sempre pola súa entrega desprendida aos seus pacientes, aos lectores e aos que con el aprendemos que tamén en materia de manteis os que habitamos este recanto do mundo somos unha potencia.

Armando Requeixo

Comentarios pechados