Menu Xerais

Unha oportuna reivindicación de figuras históricas que aínda precisan acaído recoñecemento: «Despoxos e vísceras ilustres», de María Xosé Queizán. Crítica no blog Ferradura en Tránsito

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en Tránsito unha recensión sobre o libro: Despoxos e vísceras ilustres, de María Xosé Queizán, publicado por Xerais na colección Ensaio.

 

Tres homenaxes: «Despoxos e vísceras ilustres», de María Xosé Queizán

 

No actual contexto en que a narrtiva de autoficción parece ir abríndose camiño de maneira convencida, e entre nós temos a Berta Dávila como máis notoria representante, chámame a atención que editorialmente non se queira aproveitar para este título a vaga que constitúe a narrativa de non ficción, por exemplo ao estilo de Truman Capote en A sangue frío. E moito máis me sorprende tendo en conta que Xerais si o fixo coa última novela de Suso de Toro, Un señor elegante. Porque en realidade considero que este título de María Xosé Queizán está moi na liña de Capote, aínda que neste caso teñamos que remitirnos á biografía histórica máis que á actualidade social. Despoxos e outras vísceras ilustres está editada na colección de “ensaio”, porén, como digo, desde o meu punto de vista, quizá tería unha mellor acollida lectora baixo o paraugas da etiqueta de moda. Non me escapa que igual a autora  queira salientar precisamente o  seu labor investigador, de xeito que como “ensaio” este parece máis protexido, quizá haxa menos divulgación mais o seu traballo á hora de comunicarnos estas tres historias fica libre de calquera sospeita. Por suposto, isto que digo non supón ningunha crítica á elección editorial baixo o selo ensaístico, tan só é unha estrañeza que nace en min, que por outra parte, tamén me alegra pola idoisincrasia das tres historias relatadas. Tres historias relatadas, porque, finalmente son iso, tres historias, e así as imos tratar porque tamén están escritas máis desde a óptica da narradora que da investigadora, na miña opinión.

  A primeira ten como protagonistas  a Percy B. Shelley e a Mary Wollstonecraft, sobre a que xa escribira en 2011. Percy, un dos principais poetas románticos (e isto si me parece moi a ter en conta visto que vivimos un tempo onde a poesía romántica non goza da mellor aceptación que digamos), Mary e os seus amores, e cando digo “os seus amores” quero referirme a que a realción amorosa entre Percy e Mary non foi para nada convencional senón todo o contrario; hoxe non escandalizaría da mesma maneira que antes mais tampouco entra dentro do “normal” (e emprego esta palabra moi conscientemente porque xusto o libro vai dedicado a quen rompe os universos pechados, e a “normalidade” non deixa de ser un deles). Particularmente resúltame moi atraente e relación que se puidera establecer entre un dos principais poetas románticos e a autora de Frankenstein, dun Frankestein que a tradición mergullou nos lodos do terror gótico (moi equivocadamente, moi tendenciosamente ao meu ver). Romanticismo e terror, non me digan que non é unha mestura atraente. A narración de María Xosé Queizán céntrase sobre todo nas vivencias italianas da parella. Evidentemente tamén aparecen as relacións que tiveron con outros poetas como Keats ou Lord Byron, e reprodúcense unha serie de misivas de Percy (a vari@s destinatari@s) que interrompen o ritmo narrativo aínda que non deixen de ter interese. Finalmente, é o corazón de Percy o que remata tendo todo o protagonismo, e non direi a razón.

A segunda das historias ten como albo a figura de Lenin, aínda que en realidade se trata dunha narración moi achegada á narrativa de viaxes. Como tal pode lerse tamén, e achéganos unha visión non só da xeografía rusa senón tamén, e máis interesante, da historia de Rusia, que, ben seguro, resulta moi descoñecida aínda actualmente. A este propósito hai que lembrar que as descricións de María Xosé Quizán son un dos valores do libro que non deben caer no esquezo. Para máis, esas descricións vense complementadas con reflexións (ás veces referidas á mesma Galiza) de interese sociopolítico. Mais, claro, o verdadeiro obxectivo é Lenin, unha das figuras históricas (a cabalo entre so séculos XIX e XX) que aínda hoxe resulta das máis controvertidas. O carismático Vladimir Lenin, de quen o seu cerebro será, logo da súa morte, obxecto de estudo pois, alén dos seus acertos e dos seus erros, foi unha das mentes máis brillantes que a Historia pode depararnos, dotado dunha capacidade de traballo intelectual absolutamente asombrosa.

E a terceira das historias narradas é a de Rosa Luxemburgo. Ten que ver coa anterior porque Rosa Luxemburgo tamén foi unha personaxe moi carismática, extraordinaria oradora e tamén dunha capacidade de traballo (intelectual, mais non só) absolutamente fóra do común. O seu contributo como teórica do marxismo, como defensora da clase traballadora (o cal a levaría ao cárcere, cando se opuxo á participación dos traballadores na I Guerra Mundial), enfrontando as súas ideas ás de calquera home, tampouco debe agachar unha revisón da súa vida e traballo desde a óptica feminista, pois, alén da teoría feminista que puidera desenvolver, a súa vida en si foi e é unha proclama feminista portentosa, xa que poucos exemplos se poden atopar que poñan de manifesto a valía da muller como o caso de Rosa Luxemburgo. Sen dúbida, ao meu ver, un nivel de dedicación como o de Rosa Luxemburgo en defensa da clase traballadora, só é posíbel se se ten un corazón enorme, e unha fe e sensibilidade social acordes con el e que foron os auténticos directores da súa peripecia vital, antepoñendo sempre o seu traballo intelectual e político ás relaxións sentimentais (por sinal, e que viviu abertamente). E tamén intelixencia,  porque foi unha muller tremendamente intelixente. E coraxe, porque tamén foi moi valente. Por iso, as circunstancias da súa morte enchen os bos corazóns de rabia e noxo. As circunstancias da súa morte e o tratamento que recibiu despois de morta, que tamén ten o seu.

En definitiva, non só é unha lectura agradábel, pola calidade da prosa de María Xosé Queizán, senón que tamén constitúe unha moi oportuna reivindicación de figuras históricas (literarias e políticas) que aínda precisan acaído recoñecemento.

Xosé Manuel Eyré

 

 

 

Comentarios pechados