Menu Xerais

Unha proposta divertida e moi atractiva para quen fai preguntas sen cesar. «A ciencia do día a día», de Xerais. Anotación de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: A ciencia do día a día, de Xerais, con ilustracións de Bruno Martínez Tabarés.

 

A ciencia do día a día, de Xerais

Hai moitos anos á casa familiar chegara, un día, unha chamada Enciclopedia Básica Argos, constituída por oito tomos que integraban, para min, todas -ou case todas- as respostas posibles a moitas cuestións que calquera persoa con certa curiosidade se podía formular. Desveláronseme con estes volumes moitas razóns que explicaban o funcionamento das cousas,  descubrín os achados e o traballo que significara a moitas persoas ao longo da historia a carón de realidades ou avances, daquela, que se produciran no mundo científico das que, no meu colexio, aínda, non me falaran. Supoño que é inevitable que este libro, A ciencia do día a día, me evoque aquela enciclopedia e, xaora, o recomende vivamente.

Nun volume moi coidado, en tapa dura, cunha encadernación wire-o e ilustrado por Bruno Martínez Tabares, recóllense un total de 140 respostas, marcadas pola brevidade e, ao tempo, presentadas con cadansúa ilustración que conta cun tratamento próximo ao da banda deseñada, o que converte este volume nunha proposta divertida e moi atractiva para quen fai preguntas sen cesar. As respostas, que conxugan amenidade, sinxeleza, claridade expositiva e rigor, distribúense arredor desas cuestións que explican a presenza da ciencia nos ámbitos domésticos -por que a gasosa ten burbullas ou por que xira unha buxaina, por exemplo- ou noutro bloque que se denomina “ciencia para ir polo mundo” onde se ofrecen explicacións a por que flotan os globos no aire, que son os átomos ou que é o AND por só citar algunhas cuestións.

Un libro para matar a curiosidade, por unha banda, mais tamén para aprender outras moitas cousas polo que, no fondo, resulta un libro sen fronteiras de idade.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados