Menu Xerais

Unha proposta épica e arriscada: «ruído de fondo», de Daniel Salgado. Crítica de Vicente Araguas

Vicente Araguas publicou unha recensión crítica do poemario ruído de fondo, de Daniel Salgado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa  e La Región.

 

ruído de fondo

 

 

Ven de treboada

A estas alturas da película, cando o peixe semella todo vendido na lonxa, e os balnearios seguen acollendo xente pouco problemática desde unhas poéticas e políticas balnares, resulta que hai quen opta por escoller camiños diferentes. Así Daniel Salgado, un autor a quen vimos coñecendo como xornalista bregado (nas páxinas galegas de “El País”, que alá van como tantas cousas boas) e poeta bregado, gañador no seu momento do Esquío, outro choio bo que tamén colleu o camiño do que nunca se volve.

Salgado, enfin, practica esa poesía que é moito máis épica que lírica, e na que parece recoñecerse tanta xente nova (á hora de facer poemas, á hora de lelos). Iso non quere dicir que Daniel Salgado, autor dun moi recente “ruído de fondo” (Edicións Xerais, Vigo, 2012), nesa corda frouxa, e xa que logo, arriscada, que se desprega entre da prosa e máis o verso, non saiba de métricas clásicas, que dispón, camufladas como falsillas ou guías no subsolo dos seus versos.

Sabe tamén Daniel Salgado dos encabalgamentos abruptos, dos que fora pai e mestre máxico o grande Fray Luis de León, aquel que tanto alporizaba aos donos das preceptivas literarias. Aínda cheguei a sufrir algún e hoxe non sinto máis que perguiza á hora do seu recordo. Never mind! Daniel Salgado é outra historia, e el escribe poesía para conmover doutro xeito ou maneira, dando ,por clausurada unha época. E deféndendose do seu “brado”, da súa confusión ambiental, con versos que son epigramas, secuencias, fragmentos poéticos que se resolven en apartados, en seccións, en maneiras de vivir e de querer e de escribir con música de fondo escrita por John Lee Hooker, Bob Dylan o John Coltrane.

E interpretada por William Faulkner, Paul Celan ou Friedrich Hölderlin, e bótalle fío ao papaventos da gloria intertextual. Na que tamén aparece Alain Badiou, cómplice de Daniel Salgado e de Emilio Araúxo, traductor ao galego de aquel, e de quen nada sei desde hai tempo, por máis que o dea imaxinado na súa “solitude” (que non “loneliness”) escritor de fondo, atento ao seu rumor, de “soidade sonora”. E cito ao místico, como antes fixen co asceta, porque algo teñen en común con estes “outsiders” do mundo poético como, son Araúxo e Salgado, atentos os dous aos non da herba cando medra.

E pois vivimos tempos revirados Daniel escribe que: “desfaise a luz e o poema /non é quen de dicir /máis: arde.” Algo así como Danton, fagocitado polo poeta de Monterroso (de 1981) cando declara: “non queremos condenar o reí, queremos matalo.”

Non estrañe, pois, que o libro incorpore un poema que ule case a adicatoria: “aos que nunca se confundiron de inimigo”. Algo así.

Vicente Araguas

Comentarios pechados