Menu Xerais

Unha proposta literaria para saírmos do confinamento, con mención a varios títulos publicados por Xerais. Anotación no blog «Ferradura en tránsito»

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en Tránsito unha selección de libros para o confinamento, con mención a varios títulos publicados por Xerais: Singamia 1.1, de Ramón Caride; Se isto é un home, de Primo Levi; O mar que nos leva, de Moncha Fuentes; Os corpos invisibles, de Emma Pedreira; A póla branca, de Xavier Seoane; Transmatria, de Daniel Asorey e Chegamos despois a una terra gris, de Raúl Dans.

 

Libros para un desconfinamento ideolóxico

Durante estes meses pasados, porque foron meses, e aínda non certos de cando recuperaremos un ritmo de vida parecido, polo menos, ao habitual de antes, houbo moito tempo para que nos afixeran á idea de que nada volverá ser igual. É decir, puxéronnos na frontera da distopía, abeirados a imaxinar unha sociedade alternativa á que coñecemos, non por iso mellor senón que precisamente non debemos baixar a garda para que non nos cousifiquen máis, para estarmos en condición de esixir un trato un trato máis humano e xusto.

Por iso, os libros que lles vou propoñeer fannos pensar na compoñente humana, social e crítica (tamén política, claro) a fin de manter valores universais e humanos ou simplemente de reforzar a nosa rebeldía. Ás veces serán distopías, outras non, pero sempre lecturas que fan ferver a componente ideolóxica de quen le. Non sempre son de actualidade, propóñelles que se poñan en contacto cos/coas seus/súas libreir@s para elas e/ou eles lles localicen os que sexan da súa escolla e teñan listos para a súa compra. Quen sabe se agora será este o prodemento máis habitual!

SINGAMIA 1.1. En realidade, non perdan a triloxía AKTUAL, de Ramón Caride. En Xerais. É LIX pero é/son lectura obrigada para os adultos. EXOGAMIA 0.3, ENDOGAMIA 0.2 e a proposta. Nestes tres títulos hai algúns dos mellores relatos da narrativa actual. Fainos ver a actualidade social con outros ollos.

SE ISTO É UN HOME. Tamén outro clásico do s. XX. Para advetencia de a onde poden chegar os reximes totalitarios, os nazismos. Traducida por Xoán Manuel Garrido para Xerais.

O MAR QUE NOS LEVA. De Moncha Fuentes. En Xerais. Dá un repaso por algunhas das loitas sociais máis importantes do s.XX, e ademais é unha boa novela. Para non perder o espírito combativo, e non  deixarmos perder o con tanto esforzo gañado.

OS CORPOS INVISIBLES. De Emma Pedreira. En Xerais. Tamén é LIX. Tamén é lectura obrigada para @s adult@s. Para introducirnos na temática da muller, esta novela transmite como poucas a necesidade que a muller ten de reinventar o seu propio corpo (imaxe tiranizada polo consumismo, o capitalismo e o machismo).

A PÓLA BRANCA. Seguimos coas brevidades. Neste caso haikus de Xavier Seoane, en Xerais. Prohibido ler con automatismo. Ler e cavilar. Ler e cavilar.

TRANSMATRIA. De Daniel Asorey. En Xerais. Del escribín: “é un exercicio de inconformismo, unha pulsión irrefreábel que obriga a repensarnos no presente e no futuro para sermos mellores ou para sermos mellor.”

CHEGAMOS DESPOIS A UNHA TERRA GRIS. De Raúl Dans. En Xerais. É teatro. Por favor, non esquezan o teatro nas súas compras/lecturas. Esta é unha peza imprescindíbel dun extraordinario dramaturgo, dos poucos que gañou o prestixioso Premi Born de teatro en dúas ocasións.

Leamos teatro xa que tanto custa levalo á escena. Podo garantirlles que ficarán moi satisfeitos da experiencia.

Xa sei que hai moitos máis títulos que ben poderían entrar aquí, mais non quixen facer un relatorio tan extenso que fora doado perderse nel.

Velaquí a miña proposta literaria para saírmos do confinamento (tamén mental)

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados