Menu Xerais

Unha trama con diálogos vivos: «Ceiba de Luz», de Manuel Lourenzo González. Reportaxe de Mónica Patxot

A presentación da novela Ceiba de Luz, de Manuel Lourenzo González, Premio Jules Verne 2017, tivo amplo eco nos medios. Nesta ligazón poden lerse ou descargarse en pdf algunhas das informacións ao respecto. Reproducimos a reportaxe que publica a web Pontevedra viva, con texto e fotografías de Mónica Patxot.

 

Manuel Lourenzo presenta «Ceiba de luz», premio Jules Verne 2017

O escritor Manuel Lourenzo González gañaba en xuño a novena edición do Premio Jules Verne de literatura xuvenil en lingua galega concedido pola editorial Xerais. Este mércores 22, o autor de Vilaboa presentaba publicamente na Casa das Campás este traballo literario cargado de intriga, ciencia, aventuras, entre outros elementos narrativos tan característicos do escritor de ‘Cegoñas no fondo da ría’. A pesar da choiva e da coincidencia con outras presentacións literarias á mesma hora, numeroso público asistiu ao acto no que Manuel Lourenzo estivo acompañado por Anxo González Guerra, profesor e coordinador da páxina web ogalego.eu e polo director da editorial Xerais, Manuel  Bragado.

‘Ceiba de luz’ narra a historia dun grupo de estudantes da Universidade de Salamanca que atopa unha pequena figura humana nunha tenda de antigüidades. A partir dese momento iníciase unha aventura co obxectivo de chegar ao mítico Eldorado a través da selva amazónica de Perú, onde convivirán cos poboadores da antiga cidade de  Haripari. Ao longo desta novela o misterio e a natureza convértense en protagonistas dunha trama que se desenvolve con diálogos vivos descubrindo ao lector as complexas relacións entre os personaxes que inician a viaxe.

Nunha ampla traxectoria literaria, Manuel Lourenzo publicou, entre outros títulos, ‘As paisaxes compartidas’ (1996), Premio Carvalho Calero; ‘Noites de papel’ (1997), Premio Café Dublín; ‘ Infidelicidades’ (2002), Premio Narrativas  Quentes; ‘ Arqueofaxia’ (Xerais 1995), Premio Manuel García Barros; ‘O  xardín das pedras flotantes’ (Xerais 2008), Premio Xerais de Novela e ‘Atl’ (Xerais 2012), Premio Blanco Amor de Novela.

Mónica Patxot

 

Comentarios pechados