Menu Xerais

Unha trama vizosa que atrapa ao lector case sen que este se dea conta. Anotación de Pedro Feijóo sobre: «O meu nome é ninguén», de Manuel Esteban.

O escritor Pedro Feijóo publicou no seu blog Un Consentido Común unha anotación sobre a novela: O meu nome é ninguén, de Manuel Esteban.

 

O meu nome é ninguén, de Manuel Esteban


Xerais é unha gran familia. E unha das cousas boas de formar parte desta casa de tolos é que, de cando en vez, tes a sorte de poder asomarte a algunha das súas propostas un chisco antes de que o fagan os demais… E, en ocasións coma esta, a verdade é que o privilexio convértese nunha fortuna enorme. Unha que, se teño que ser sincero, xa me queimaba nas mans, porque non sabedes a de días que levo querendo contarvos isto. Pero hoxe por fin é día 13. Hoxe, por fin, sae á venda O meu nome é ninguén, a nova novela de Manuel Esteban. E hoxe, por fin, podo dicirvos que se trata dun libro fantástico.

Os que me seguides xa saberedes que no seu momento aplaudín a saída de A ira dos mansos, unha novela non só ben boa senón, ademais, moi necesaria nesa cousa con plumas que é o noso sistema literario. Porque, como dixen daquela, aquí necesitabamos moitos máis textos coma aquel, un libro no que o autor en ningún momento se propuxña falarnos sobre o sentido da vida e que, porén, acababa levándonos polo camiño do entretemento ata que, case sen nos decatar, en chegando ao seu remate, resulta que si, que algo de valor si que acabamos levando para casa. Porque n’A ira dos mansos Esteban tecía con habelencia os fíos do entretemento para, coa mesma, regalarnos unha novela negra que, polo mesmo prezo, viña a poñer en valor a dignidade dun colectivo tantas veces esquecido e mesmo desprezado por nós como é a Nación Down.

Pero claro, xa se sabe aquilo que dicía o tío Ben, o de que “un gran poder conleva unha gran responsabilidade, Peter”, e, á fin e ao cabo, A ira fora a novela gañadora do Premio Xerais de Novela no ano 2016… Eu –xa é sabido– son dos que si defenden a existencia dos premios literarios. Creo, de feito, que sobran as razóns para facelo. Unha delas, por exemplo, é que creo que nós como lectores somos os maiores beneficiarios deses premios, xa que nos ofrecen a posibilidade de coñecer novos narradores, novas propostas, novas voces. Do mesmo xeito, pois,, non podo evitar certo acceso de algo parecido á rabia cando alguén recibe un premio por algo que paga a pena, pero logo deixa que a cousa quede aí. De maneira que esa era, pois, a miña maior preocupación para con Manuel Esteban, que alguén que fixera algo tan interesante como aquela novela fose deixarnos plantados. Por fortuna, as cousas non foron así.

Vaia por diante que isto nin é unha crítica literaria, nin moito menos pretende selo. De feito, eu creo que os que nos dedicamos ao oficio da ficción somos as persoas menos indicadas para criticar o traballo dos nosos compañeiros. Non, isto non é crítica ningunha, porque eu non son crítico en absoluto. Eu nada máis son un lector que de cando en vez comparte cos amigos as experiencias positivas (as negativas -que tamén as hai- prefiro gardarmas para min, precisamente por iso, porque como autor sei do moito que custa sacar un libro adiante). E por iso, falando nada máis como lector, síntome totalmente libre para dicirvos que O meu nome é ninguén, a novela de Manuel Esteban que hoxe sae ao mercado, é unha proposta absolutamente estupenda. Se A ira dos mansos eran en realidade dúas pequenas novelas breves relacionadas por un mesmo fío de investigación, desta volta asistimos a unha única trama, pero moito máis fonda, dunha maior complexidade e, sobre todo, moito máis interesante. O que se nos propón en O meu nome… é unha desas tramas vizosas (e viciosas!) que, como arañeiras, atrapan ao lector case sen que este se dea conta. Unha desas tramas nas que, cando un quere decatarse, descúbrese a si mesmo tentando deducir antes que os demais, querendo correr máis cós protagonistas, pensando que xa sabe o que vai pasar, deleitándose na vaidade de pensar que el é máis listo que o autor para, de súpeto, comprobar que en realidade estaba por completo equivocado, que non tiña nin idea de nada, e que o autor acaba de xogar con el coma cun boneco de trapo. Vamos, un auténtico enganche, artellado en capítulos máis ou menos breves. Capítulos deses que che fan quedar mal co sono, porque no lugar de botarte a durmir dunha vez, o que fas é enganarte a ti mesmo, tentando convencerte de que tan só vas ler un máis e logo si, logo xa apagas a luz, aínda sabendo que é mentira, por suposto, e que despois deste… acabarás lendo cinco máis.

E se a trama funciona deste xeito é porque, ademais, non podes evitar engancharte aos homes e mulleres que van desfilando ao longo da historia, de entre os que destaca moi especialmente Carlos Manso. Se a principal critaura de Manuel Esteban xa resultaba interesante na entrega anterior, nesta ocasión o inspector Manso crece, enriquécese, énchese de matices. Fala, vai, vén, corre, sostén, ás veces divaga, pero funciona todo o tempo. E, por descontado, todo isto é posible nada máis por unha razón: porque Manuel Esteban se fixo grande.

E precisamente aí está a boa nova para todos nós. Porque os que nos dedicamos a isto poderiamos falarvos horas e horas da angustia. Da vertixe, do grande risco que supón sacar a segunda novela. Esa que che confirma, a que demostra que a cousa non foi chiripa coa primeira. Para sirte de todos nós, Manuel Esteban salva esa proba, e faino con creces, de xeito que O meu nome é ninguén supón a confirmación definitiva dun novo autor para o noso panorama literario. Non hai nada de flor dun día no Premio Xerais 2016, porque ninguén crece, aprende, evoluciona tanto e tan ben como o fixo Esteban desde a súa primeira novela ata a segunda se non é para quedarse.

Unha vez máis, volvo dicir o mesmo: O meu nome é ninguén non é a F.G.N.G. (ou sexa, a “Fodida Gran Novela Galega”); nas súas páxinas non imos atopar a resposta a quen carallo lle pon o rabo ás cereixas cósmicas; e Manuel Esteban non é o puto Shakespeare. Pero é que en ningún momento ninguén dixo nada de que as cousas tivesen que ser así. Aquí o único que importa é que O meu nome é ninguén é unha moi boa novela negra ao estilo de tantas e tantas boas novelas negras, só que esta é nosa; e, o que non é menos importante, que estamos ante un autor decididamente comprometido con algo tan serio como é o entretemento do lector; e que, ademais, eu o pasei tan ben lendo esta novela que mesmo confeso que en máis dunha ocasión cheguei a sentir envexa por non tela escrito eu.

Insisto: isto non é unha crítica. En todo caso, e se ten que ser algo, que sexa o consello dun amigo: hoxe sae á venda un libro que me gustou, que me entretivo, e que me fixo pasar uns cantos momentos máis que agradables. Así que, se eu fose vós, xa estaría indo á miña libraría de cabeceira a reservar un exemplar…


Pedro Feijóo

Comentarios pechados