Menu Xerais

Unha viaxe polo corpo: «O señor corpo quere xogar», de Alicia Borrás. Crítica de Paula Fernández

Paula Fernández publicou hoxe nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre O señor corpo quere xogar, de Alicia Borrás.

 

Axeitado texto

Para descubrir o corpo

O señor corpo quere xogar é unha obra pensada para prelectores e primeiros lectores que invita os nenos a descubrir o seu corpo e a experimentar con el. A través de pequenas estrofas, catro versos nada máis, Alicia Borrás deseña unha viaxe polo corpo na que, grazas ao emprego constante de verbos de movemento, se descobren as partes fundamentais e assúas funcións dunha maneira lúdica.

O feito de artellar o contido en estrofas dálle ao texto un carácter musical apoiado nas rimas que o fan especialmente atractivo para os prelectores poderen gozar del en familia.Tocarse, mirar, bocexar, contar, aloumiñar, bailar ou brincar son algunhas das propostas para os brazos, os ollos, a boca, os dedos, as mans, a cintura, ou os pés, algo ideal para propoñerlle a un cativo que escoita recitar un adulto.

Coido que se trata dun texto axeitadísimo para comezar a penetrar na lectura e na literatura e para entendela como un xogo, mais tamén para poder deleitarse con outras artes. As ilustracións de Rodrigo Chao son sen dúbida do máis acertadas, ademais de ser un auténtico agasallo para a vista reflicten á perfección o dinamismo e a animación do texto.

Un pequeno poemario con grandes e importantes funcións. Ler, descubrir e coñecer o corpo, e, por encima de todo, xogar.

Paula Fernández

Deixa un comentario!