Menu Xerais

Unha visión da Galicia de hoxe en día desde unha perspectiva feminista: «Galicia en bus», de María Reimóndez. Crítica de David González

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro de poemas de María Reimóndez Galicia en bus.

Recensión: María Reimóndez, «Galicia en bus»

Cando coñecín que María Reimóndez gañara o XX Premio de Poesía Johán Carballeira non foi unha sorpresa para min dado o seu talento para a palabra, e os versos en concreto. Sen embargo, o título do libro si que chamou a miña atención polo peculiar da formulación e ó mesmo tempo o cotián do referente. No pasado mes de marzo foi publicado por Xerais e tras a súa lectura é preciso facer algunhas anotacións.

Galicia en bus é un libro de poemas moi dinámico. A meirande parte das composicións que o constitúen semellan ser froito da espontaneidade, da necesidade de plasmar sobre o papel os referentes que ofrece a propia vida neses tempos mortos que supoñen as longas viaxes en transporte interurbano.

A autora traza nel un pequeno percorrido por distintas localidades de Galicia mediante un eu lírico que se implementa nos versos aportando un elemento de experiencia ós poemas. As pequenas anotacións líricas breves son o elemento predominante no poemario, mais tamén temos composicións máis extensas de temática variable e cun contido importante de crítica social.

Mención especial merecen as críticas a cuestións tan necesariamente erradicables como a cultura da violación, a historia dende a perspectiva heteropatriarcal e a violencia de xénero. Dende unha perspectiva lila a autora sinala con contundencia eses males comúns e noxentos da nosa sociedade sen ser necesario un receitario propio para eliminalos.

Precisamente este exemplo é o que considero máis ilustrativo á hora de definir este libro. Durante a lectura asistimos a un percorrido tanto xeográfico como vital por todos aqueles aspectos que definen a nosa sociedade tanto positiva como negativamente. Unha viaxe que non busca ser pracida nin cómoda senón que pretende remoer e construír dende o eu máis íntimo cara a colectividade grazasa a unha necesaria perspectiva feminista.

David González Domínguez

Comentarios pechados