Menu Xerais

Unha volta ás orixes afastada de romanticismo: «Shanghai a Barcelona», de Amador Castro. Crítica en Lecturafilia

O blog Lecturafilia publicou unha recensión de Tensi Gesteira sobre o libro Shanghai a Barcelona, de Amador Castro Moure. O libro gañou o Premio Xerais de Novela, 2019, e está publicado por Xerais na colección Narrativa.

 

Shanghai a Barcelona, de Amador Castro (Xerais)

 

O Premio Xerais de Novela deste ano descúbrenos unha voz, cando menos, potente, orixinal e cunha forma de escribir moi apegada á filosofía. Amador Castro Moure resultou ser o autor da obra Shanghai a Barcelona, un libro que propón unha volta ás orixes afastada do romanticismo e desa querenza pola natureza que é máis común nas historias que pretenden reivindicar o rural. El fai un chamamento ás nosas conciencias para alertar de que as aldeas galegas mudaron, co conseguinte cambio para as persoas que as habitan. Este libro ten moito sentido nos tempos que vivimos, cando se fala moito dos discursos da “España baleira” ou a máis acaída “España baleirada”. Para os que, coma min, defendemos a idiosincrasia propia do rural, libros como o de Amador Castro significan un mundo, pois el é quen de capturar a nosa esencia e, ao mesmo tempo, fuxir da idea do bucólico para propoñer un argumento no que se mesturan as partes máis malévolas do ser humano.

Escrita cun ton lírico e intimista, a novela que temos entre mans somérxenos nuns ambientes abafantes que nos fan pensar no pasado e repensar o futuro. As personaxes que transitan por aquí, igual ca ese tren de Barcelona a Galicia, experimentan diversos cambios ao longo da súa vida, e todos eles quedarán marcados por unha infancia exenta de inocencia. Recrea Castro Moure unha atmosfera cambiante e na que a realidade dunha vila da Ribeira Sacra, no pasado moi apegada á terra e agora nunha debacle inminente, fainos reflexionar sobre o simbolismo dos avances sociais. Aínda así, os espazos e os tempos atópanse moi desdebuxados, polo que se advirte unha sorte de xogo e reto por parte do autor cara ao público lector.

Non me pasou desapercibida a loanza que o autor fai das viaxes en tren e do que simbolizan para o protagonista, quen confesa que:

Viaxo en tren porque un dos meus tres eus se resiste a deixarse levar polo intercambio acelerado de bits en suspensión que amosa paisaxes nas que o importante é o suxeito que fixo a foto. Porque a xeografía dun, aquela na que se vai construíndo a vida, non ten nada que ver cun álbum de selfies no Instagram. Porque prefiro ollar para unha praia que compartir un autorretrato con seres anónimos e descoñecidos, amosando unha forzada felicidade cun anaco de area de fondo. Porque prefiro ulir o recendo da herba antes que facerlle unha foto ao meu pé pisándoa. É a miña opinión. Que cadaquén faga o que considere axeitado. Pero eu non xogo ao Narciso dixital. Así é”.

Como podedes observar no parágrafo anterior, estamos diante dun libro cunhas grandes doses de lirismo e de citas que nos levan á reflexión sobre os tempos que nos tocan vivir. Un libro que recompila moitas formas de narrar e que destaca pola busca da palabra exacta; un libro, tamén, que indaga na nosa parte máis íntima e que nos traslada a lugares e a realidades escuras e sobre as que é preciso que poñamos o foco.

Tensi Gesteira

Comentarios pechados