Menu Xerais

Unhas páxinas máxicas cheas de elementos disparatados: «A balada dos unicornios», de Ledicia Costas. Crítica en Trafegando Ronseis

O blog Trafegando Ronseis publicou unha anotación sobre o libro: A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, ilustrado por Mónica Armiño.


A balada dos unicornios


Estes días coñecín -ou recoñecín- a Jack el destripador. Si, unha novela de alento xuvenil transportoume ao Londres vitoriano cos seus crimes máis sanguentos. Sen concesións. Abraiante, ou non?

Foi unha sorpresa esta lectura. Claro, ler os libros de Ledicia sempre é un pracer. Sorpréndeme cada día o seu maxín e encántanme esas personaxes femininas poderosas que é quen de construír. Resulta tan agradable ver como as mulleres independentes e afoutas pasean polas súas páxinas! Este é un libro de mulleres, mulleres con poderes, mulleres boas ou malas, mulleres que poboan un universo que semella querer seguir; a protagonista é forte, pero sábese fráxil: aí radica a súa luminosidade. Seguro, seguro, que todo o seu lectorado xuvenil pedirá que este libro sexa o primeiro dunha saga.
Non estraña o premio conseguido por Ledicia Costas con este A balada dos unicornios que vén de publicar Xerais. Un xeito de aupar aínda máis a LIX. Un nivelón. Non, non errei de vogal, sei o que quero dicir.
Cando ollei a contraportada, pensei “non me vai gustar”; que equivocada estaba! A verdade é que estaba a lelo e ía pensando: “que premio máis axeitado”; estou desexando que o lea o meu alumnado de 2º da ESO.
Pasearemos por unhas páxinas máxicas, cheos de elementos disparatados, inventos de todo tipo, con ollos que non o son e corazóns mecánicos que senten. Con cans que guían humanos. Con crimes. Con maldades que semellan invencibles. Con amor. Con moito amor. Con todo tipo de amor. Seica todo isto chámase Steampunk .
Sorpresa tras sorpresa, resulta unha viaxe emocionante. Tanto, que o libro atrapa e envolve. Queremos saber máis. Aínda agora, queremos saber máis.
A tristura ten patas de araña e medra. Como tamén medran os soños, e a chuvia, cando cabalga fuxindo da súa nube


Deixa un comentario!