Menu Xerais

«Uxío Novoneyra. Revisitado» de Xosé Lois García

Acaban de chegar do prelo os primeiros exemplares de Uxío Novoneyra. Revisitado de Xosé Lois García. O libro recolle trinta traballos arredor da vida e da obra de Novoneyra preparados por un dos seus mellores amigos e responsable do espazo web dedicado ao poeta de Parada do Courel.

Uxío Novoneyra. Revisitado constitúe un testemuño excepcional sobre a vida, a obra e o pensamento de Uxío Novoneyra escrito por un dos que foron os seus mellores amigos e un dos máis destacados especialistas na súa obra: Xosé Lois García. Desde unha ollada privilexiada arredor do poeta do Courel e o seu contexto, o autor vai pasando revista á concepción do universo poético de Novoneyra, ás correntes que máis influíron nela, aos seus encontros e amizade co poeta, á paixón deste polo gravado, á súa época en Madrid, á etapa como presidente da AELG, á súa consideración da lingua galega, á súa formación ideolóxica, ao compromiso, á súa posición de vangarda na creación… En definitiva, este libro proporciónanos unha visión rigorosa, científica e ao tempo próxima e profundamente humana sobre un dos poetas claves da literatura galega do século XX.

Uxío Novoneyra. revisitado, primeira entrega de Xerais no seu completísimo proxecto do Ano Novoneyra chegará ás librarías a vindeira semana. Tamén están a punto de facelo as dúas edicións de Novoneyra en Xerais Clásicos: o poemario Os Eidos e o libro de conversas con Gonzalo Araújo Dos soños teimosos.

Comentarios pechados