Menu Xerais

«”Valados”: fermosa historia de sentimentos encontrados», crítica de María Navarro

TENRO E DELICADO. UN MEIGO DA PALABRA

A existencia de valados físicos e imaxinarios é hoxe en día unha realidade espallada por case todo o mundo e somos nós, as persoas, os que os construímos con táboas, formigón armado ou prexuízos do máis diverso. Nun momento dado non se sabe –ou si– por que alguén decide erguer unha fronteira e impedir o trafego de vida, preservando ideas, modos de vida, mesturas.

Da mesma forma que imaxinar un mundo sen ataduras, sen lindes, sen barreiras é posible se falamos en termos de ficción, tamén tender á utopía pode converterse nun plantexamento vital e nun xeito de educar a través de nobres comportamentos. Neste sentido ficción e realidade, ilusión e existencia converxen nun punto no que o imposible chega a realizarse, o improbable se efectúa e o desexo devén en auténtico e efectivo.

En Valados, un texto tenro e delicado de Agustín Fernández Paz que Edicións Xerais de Galicia vén de publicar na colección «Merlín», os personaxes amósannos a parte máis amable da relación entre iguais e tamén como a maioría das situacións teñen unha compoñente de vontade moi importante. Se existe vontade chegaremos a acadar aquilo que nos propoñamos, se hai vontade a utopía é posible. Da man de Helena e Xoel sabemos da existencia dunha vila, a máis fermosa do mundo, na que os seus habitantes en aparencia viven en harmonía, mais só en aparencia, porque o xerme da discordia prende nunha parte da poboación que, considerándose superior, pretende marcar e visualizar a diferenza erguendo un muro que separe vidas. Quizais a constancia e o empeño que nenos como os protagonistas da historia poñen en negar a segregación, conseguen que alá no ceo, «guiados por unha brisa alegre, porque o aire non sabe de valados», voen os desexos felices de atopárense todos xuntos.A dualidade que vertebra o texto -nena/neno, branco/ cor, dentro/fóra- vaise diluíndo ata o final cando se fala de humanidade e harmonía.

Bo coñecedor do público infantil e da capacidade que estes presentan de aprehender a realidade,o escritor agasalla os seus lectores cunha fermosa historia de sentimentos encontrados e amosa unha vez máis ser un meigo da palabra. María Navarro

Texto da crítica María Navarro publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo (14-010-2010). A páxina orixinal pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Comentarios pechados