Menu Xerais

«Valados na pel» por Lupe Gómez

Inventamos valados que nos separan dos demais, ou levamos eses muros escritos e debuxados na pel. O escritor galego Agustín Fernández Paz conta moi ben unha historia de separacións dolorosas no seu libro Valados, publicado pola editorial Xerais. A man sincera e honesta do autor vaise pousando neste conto como se fose unha folerpiña de neve. O seu libro resulta moi entretido, moi animado. Conta con ilustracións divertidas e ensoñadoras de Xan López Domínguez. Un neno e unha nena son moi amigos e quérense moito, pero na súa amizade érguense valados que son como pantasmas. Eles seguen queréndose e buscándose para estar xuntos, xogar e escribir en avións de papel. Teñen un refuxio nunha árbore alta.

En Galicia estanse creando valados entre a xente por culpa dos políticos. Falar unha lingua tamén é un manifesto político. Amar ao galego é a raíz oculta que nos fai ser como somos, vivir como vivimos. Unha cultura nace, vive e medra con moitísimo esforzo e moitísimas dificultades. Se os políticos non apoian a nosa lingua, xorden guerras e valados. No conto de Agustín Fernández Paz, o neno e a nena que se querían tanto, tentan superar eses muros infranqueables para seguir queréndose e comunicándose. A identidade galega non se pode destruír porque, aínda que é algo moi delicado, tamén é unha muralla forte. Os valados están na pel, nos ollos, nas ideas, na ignorancia, na desigualdade. Helena e Xoel “xogaron a deixarse caer a rolos polo prado abaixo, cazaron grilos, tombáronse na herba para veren pasar as nubes por riba das súas cabezas e adiviñar as formas que tomaban… Xogaron como se nada raro ocorrese, coa mesma alegría e entusiasmo que calquera outro día”. Lupe Gómez

Extracto do texto de Lupe Gómez publicado, baixo o título «O funambulista coxo», en «Lecer» suplemento de El Correo Gallego o 31 de xaneiro de 2010.

Comentarios pechados