Menu Xerais

Valentín Paz-Andrade asina a obra máis extensa da poesía en galego na Guerra Civil española

Faro de Vigo publicou unha reportaxe de Mar Mato sobre a presentación Poesía Completa de Valentín Paz-Andrade en edición de Gregorio Ferreiro Fente (Fotografía de Rodrigo Otero / Faro de Vigo).

 

 

Valentín Paz-Andrade asina a obra máis extensa da poesía en galego na Guerra Civil española

O estudoso Gregorio Ferreiro defende esta tese no libro “Poesía completa”, do homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano

MAR MATO – VIGO Ata o de agora, o homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2012, Valentín Paz-Andrade, era considerado só un poeta serodio (a súa primeira obra editouna ós 57 anos), que mataba o tempo escribindo versos. Foi o azar o que pousou nas mans do estudoso Gregorio Ferreiro Fente varios folios con poemas mecanografados do creador, obras inéditas que este ano atoparon acubillo nun libro. Trátase de Poesía completa (Xerais). O limiar fírmao Ferreiro, quen resalta que esa obra (presentada onte na Casa do Libro en Vigo) posúe “o maior corpus individual coñecido ata a data de poesía en galego escrita durante a Guerra Civil”.

Así foi Paz-Andrade o autor que máis poemarios escribiu en galego durante a contenda. Ese corpus compóñeno tres poemarios -descoñecidos ata a edición deste libro- que levan a o terror, a morte, o sangue, e o amor á terra e ás súas xentes fundidos na tinta. Os títulos son: A serra. Cantos do desterro branco; Sangue na neve. Etopea da serra e Cantos da aguia e do lobo, asinados no 1937.

En xaneiro dese ano, o avogado vigués era desterrado “a Requeixo de Queixa, unha confinada aldea. Aí tería lugar o inesperado acontecemento (…) Coma a auga nun manancial, xurdía nel a necesidade, por primeira vez na súa vida, de se expresar poeticamente”, escribe Ferreiro.

O poeta recoñecería que “foi no máis deshumano dos desterros” onde se iniciou na poesía ó “atopar un alento de liberdade, para fuxir da opresión”. Dende o 1937 ata a súa morte no 1987, escribiría 10 poemarios nos que o estudoso Gregorio Ferreiro ve a influencia do seu tío, tamén poeta, Juan Bautista Andrade; Cabanillas; Amado Carballo o uNeruda.

Considera Ferreiro que “ten que haber un redescubrimento de Paz que antes pasaba bastante desapercibido na literatura galega. Espero que este libro o poña no lugar que lle coresponde. Eu xa indicara en FARO DE VIGO que estamos ante un iceberg poético que ninguén sospeitaba “.

Como proba, varios versos de “Noite de sangue na aldea”, do libro Sangue na neve: Dous civiles nunha casa/ e polas esquinas catro/ A luz do candil afoga/ nos muros embetumados/ Hai unha vella velliña/ tremendo o queixo nun tallo/ Un da parella cachea/ bulsos dun traxe lavado/ -Esta navalla que topo? (e non atopara nin rabo)/ -Será do fillo, señor/ Suspendeuse o atestado/ e deu comezo o rexistro/ polo piso, polo faio/ e ben abriron a corte/ sombra fuxideira ollaron/ o estrondo de cinco balas/ quebrouna sobre o airado/ (…) Un morto na padiola/ abanea sobre catro.

Mar Mato

Deixa un comentario!