Menu Xerais

«Vento de Cabanillas», crítica sobre a edición da «Poesía galega completa» do poeta da raza

Que Ramón Cabanillas é un dos poetas de raza e de refencia da poesía e da literatura galega ninguén o pon en dúbida, así como que foi o herdeiro e continuador natural das tres senlleiras figuras das nosas letras: Rosalía, Curros e Pondal, pois conseguiu darlle continuidade ao Rexurdimento do XIX, que deixara un baleiro, sen imitalo e conectado coas correntes europeas da época. Que, ademais, Cabanillas foi plenamente aceptado por todo o abano galeguista é tamén innegable, a pesar das diferenzas do seu credo con personalidades destacadas despois da Guerra Civil, da súa permanencia en España e da adaptación á vida cotiá. Non é extraño, neste sentido,que, ao pouco de morrer, o propio grupo Brais Pinto (berce, entre outras,doutra innegable figura das letras galegas, Xosé Luís Méndez Ferrín) fose quen lle rendese a primeira homenaxe que se lle fixo. Sendo así, a súa obra contou con numerosas edicións, entres elas dúas edicións da súa poesía completa: a primeira en 1959, publicada polo centro galegode BosAires, e a segunda de 1979-1981, preparada polo profesor Xesús Alonso Montero.

Agora, ao se cumpriren cincuenta anos do seu pasamento, Edicións Xerais vén de publicar unha terceira e cuase definitiva edición, preparada polos profesores Xosé Ramón Pena e Xosé María Dobarro. E dicimos cuase definitiva porque pouco máis se poderá achegar a esta edición concienzudamente preparada, en parte debedora, como é lóxico, dos esforzos previos feitos no seu día por Carballo Calero, Fernández del Riego e Alonso Montero.En efecto, agora están practicamente apuntados todos os textos na súa primeira aparición, fose en libro ou publicación periódica, permitindo así a correcta cronoloxía da creación poética e a inequívoca análise da súa evolución. Figuran ademais, nesta edición, certo número de poemas que nunca antes foran recollidos en libro ningún. E, por último, adáptase a lingua orixinal á actual,respectando sempre, como non podía ser doutra maneira, a métrica e o galego orixinal do cambadés.

Isto, que dito así podería parecer un labor sinxelo, tratándose de Cabanillas, debeu supoñer un esforzo enorme para os editores, pois o poeta, e máis nos tres primeiros poemarios (No desterro, Vento mareiro –libro variado no que pode enxergarse todo Cabanillas– e Da Terra asoballada), moveu moitos poemas dun libro para outro. Por iso,de engadido, é de agradecer a Táboa de Correspondencias que determina a cronoloxía de cada composición. Nesta excelente edición poderemos percorrer pois, con seguridade,as creacións desta figura senlleira da poesía galega que plasmou as bases do galeguismo histórico. Na súa obra están artisticamente impresas as preocupacións das Irmandades da Fala,de Antón Villar  Ponte e de Vicente Risco,do nacionalismo nacente e do movemento agrarista de Basilio Álvarez. Poderemos gozar,pausadamente, do mundo mítico- patriótico que maxinou, do seu particular intimismo saudosista,e do seu retrato das condicións de vida das clases populares. Resulta superfluo engadir que se trata dun libro imprescindible en cada fogar. Xosé Feixó

Texto da crítica María Navarro publicado no suplemento «Faro da Cultura» de Faro de Vigo (14-010-2010). A páxina orixinal pode lerse ou baixarse en pdf aquí.

Comentarios pechados