Menu Xerais

Vigo como pano de fondo: «Sete Caveiras», de Elena Gallego Abad. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no suplemento «Fugas» de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre Sete Caveiras, de Elena Gallego Abad.

 

O PASADO NON SE ESQUECE

TRAS EXITOSAS INCURSIÓNS NA LITERATURA XUVENIL ELENA GALLEGO ASÓMASE AGORA AO XÉNERO DA NOVELA NEGRA DA MAN DUNHA INTUITIVA XORNALISTA QUE PERSEGUE  ESCULCAR NAS RAZÓNS QUE EXPLIQUEN UNHAS MORTES MISTERIOSAS

A aparición dunha serie de cadáveres na ría de Vigo constitúese no elo principal  que desencadea a trama desta Sete Caveiras, a última entrega da escritora Elena Gallego. Por esta razón velaquí unha novela de xénero, no ronsel que inaugurara Laura Caveiro hai algúns anos entre nós e que se perfila como unha lúcida homenaxe lúcida aos Dez negriños de A. Christie. A isto axuda a presenza dunha protagonista –a teimuda e arriscada Marta Vilas- que persegue a resolución do caso para o xornal no que traballa, man a man coa investigación policial, que semella máis guiada por un laissez faire, laissez passer que outra cousa, sobre todo de contrastalo cos acertos recorrentes da protagonista en atrapar fortuitamente eses obxecto-símbolo claves na investigación como son os “clicks” de Famobil. Por outro cómpre salientar a escolla dun acaído pano de fondo como é a cidade de Vigo actual e a que, hai trinta anos, supuxo o escenario do que puido ser a faísca do que agora acontece: o mundo da movida viguesa dos anos oitenta, onde non se oculta a súa parte máis sórdida e escura, non só a da música e das modas imperantes.
Malia o afirmado, e contando cunha resolución nalgunha medida sorprendente mais posible e ben guiada, o meu interese nesta proposta descansa máis na reflexión sobre o mundo do xornalismo que nela se atesoura. Desde a perspectiva dunha xornalista “castigada” non son poucas as ocasións nas que algunhas das claves actuais desta profesión cobran corpo e van explicitarse con meridiana claridade. É aí onde Marta Vilas mira de fronte á realidade social, é aí onde a súa ollada resulta ben convincente.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados