Menu Xerais

Voces feminas silenciadas. Recomendado para todas as idades: «Pioneiras», de Anaír Rodríguez e Nuria Díaz. Crítica en Lecturafilia

O blog Lecturafilia publicou unha recensión sobre o álbum PioneirasGalegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez Rodríguez, ilustrado por Nuria Díaz.

Pioneiras, galegas que abriron camiño

Aínda sorprende saber que as nenas ao chegar aos seis anos se cren menos brillantes que os nenos. A desigualdade entre sexos comeza a ser patente dende a primeira idade, tal e como demostra o estudo publicado polarevista Science, no que conclúen que os estereotipos de xénero limitan as expectativas das nenas de cara ao futuro. É unha idea recollida no libro Pioneiras, galegas que abriron camiño, unha iniciativa da editorial Xerais na que se recollen biografías noveladas con textos de Anaír Rodríguez e ilustracións de Nuria Díaz, de xeito que temos diante un libro que cumpre dúas funcións: unha artística e outra de recuperación de voces femininas silenciadas no pasado.

Precisamente, esta pasada fin de semana acudía a un foro en Pontevedra titulado “As mulleres que opinan son perigosas”, no que puiden escoitar as experiencias de moitas mulleres no campo da opinión xornalística e a súa moitas veces supervivencia en mundos masculinos. Case todas elas coincidían en apuntar que o patio da escola era o xerme de todo o que somos no futuro, alí créanse as divisións entre os nenos que xogan ao fútbol e as nenas que ocupan os currunchos. A exclusión desta patio lévase despois a todos os campos da vida, e por iso a vida das mulleres é moitas veces de busca dun espazo e dunha voz pública.

As mulleres das que aquí se falan foron pioneiras, pero pouco sabemos delas. É por iso que se crea este libro, como unha oportunidade de darlle voz e ese espazo do que antes falaba. Poñámoslle nomes e apelidos: Exeria, a primeira escritora, Isabel Barreiro, a primeira almiranta, Marcela e Elisa, a primeira voda entre mulleres, Mª Luz Morales, a primeira directora dun xornal, Olimpia Valencia, a primeira doutora, Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión internacional, Sofía Casanova, a primeira correspondente de guerra, Irene González, a primeira futbolista nun equipo masculino, Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira, Celia Rivas, a primeira condutora de camións, e Ángeles Alvariño, a primeira científica nun buque de investigación internacional. Elas abriron camiño, aínda que tarde se lles recoñeceu.

O libro, que nace con vocación divulgativa, vén a complementar as publicacións que están xurdindo na actualidade dende diversas editoriais que buscan dar a coñecer o papel das mulleres no avance das sociedades, e paliar esa falta de nomes femininos que, aínda a día de hoxe, existe nos libros de texto. Sen dúbida, recomendado para pequenos e maiores, porque a loita pola igualdade debería ser cousa de toda a sociedade.

Ficha técnica

Título: Pioneiras, galegas que abriron camiño
Editorial: Xerais
Textos Anaír Rodríguez
Ilustracións: Nuria Díaz
Número de páxinas: 32

Tensy Gesteira

Comentarios pechados