Menu Xerais

Xabier Docampo mantedor literario dos Xerais 2013

O escritor Xabier DoCampo, como mantedor literario desta velada, comezou o seu discurso, titulado «E eu serei unha cerdeira(panfleto)», lembrando que a primeira lección que aprendera dun libro foi «que nos libros hai que procurar, máis que o que me contan, o que hai de min, alí, entre as súas follas. Porque a literatura ten a cualidade de nos falar de nós mesmos. As grandes obras da historia da literatura son aquelas que nos descobren, que dan conta do lector. Quero dicir que lemos para encontrarnos, para saber quen somos, que facemos aquí e cal será o noso derradeiro destino».

Continuou DoCampo o seu discurso defendendo a importancia da lectura e dos contos: «E foi cos libros, coa lectura co que día a día e pedra a pedra, construín un edificio que me sustenta, que terma de min en pé e en alegría. Amo os contos como amo os soños. Para min a pregunta, para que serven os contos? é a mesma que interroga: para que serven os soños? A resposta é, son imprescindíbeis. Non se pode vivir sen soñar porque non se pode vivir desasistido da palabra dos contos, das historias, veñan estas nas novelas, no teatro, no cinema, nos mesmos contos, quer escritos quer orais. Os contos apréndenos a escoitar, que é tanto como ter en conta ao outro e con el facer un treito do camiño».

Convidou Xabier DoCampo a «ler o libro de nós, o que di dos galegos e galegas que tal queren ser. Ler a nosa nación coma iso, coma unha nación». Rematou DoCampo facendo un emocionante chamamento ás novas xeracións a «facer da lectura un acto de rebeldía», «procurando unha nova luz no túnel escuro do futuro», «utilizando o lume das palabras e das ideas, xustamente os materiais da literatura». «Crear palabras novas, palabras para un tempo e un mundo que nunca antes foron e aínda non serán».

Comentarios pechados