Menu Xerais

Xabier Quiroga: «Zapatillas rotas é un retrato do noso tempo, do esencial»

Galicia Confidencial publicou unha entrevista de Cris Mosteiro Reboredo con Xabier Quiroga sobre Zapatillas rotas. (Fotografía de A. López).

 

«Zapatillas Rotas» é un retrato do noso tempo, do esencial

É a quinta obra do lucense Xabier Quiroga. Unha novela de 400 páxinas intensa e fértil, na que un vello, o señor Xaquín, e un parado se fan cos papeis protagonistas. Entrevistamos ao seu autor

Quiroga comeza a publicar as súas novelas no 2002, estreándose con Atuado na braña á que lle seguen Era por setembro, Se buscabas un Deus, O Cabo do Mundo e Zapatillas rotas, a última en vela luz este mesmo outono.

O señor Xaquín desaparece por sorpresa da residencia de anciáns na que, voluntariamente, pasa os derradeiros anos da súa vida. A mobilización para dar con el provoca un enredo en cadea que, decontado, chegará ata extremos inusitados. Ao tempo que se produce esa delirante busca, os protagonistas, un vello e un parado, figuras paradigmáticas deste inicio de século, van espertar unha historia do pasado que semellaba durmida. Aínda que a lectura de “Zapatillas rotas” por veces provoque o riso, mostra un perfil de tristeza, xa que esta é unha novela que fala de como somos e como procedemos, do que é esencial e, na maioría dos casos, pasa desapercibido, do que é frívolo e, porén, ten éxito no noso tempo. “Zapatillas rotas” trata, ao cabo e sen ocultar o sarcasmo, dos valores desta sociedade en crise irreversible. Esta novela confírmao como un dos narradores galegos máis sólidos e de mellor acollida entre os lectores e lectoras do noso tempo. Reseña da Editorial Xerais.

Sentamos con Xabier, con auga para refrescar a gorxa, a parolar sobre a súa recente creación. Ben é sabido que Quiroga é un deses escritores que antepoñen a obra á persoa que lle deu forma, porque “o que me interesa é deixar unha obra escrita” por iso mesmo, ata non vai tanto, coñecer algún dato persoal ou conversar con el non era asunto sinxelo. O conto comezou a cambiar cando, ao parecer, o convenceron de dicir “si de vez en cando a entrevistas” e menos mal, porque mirade que ten ben que contar. Este escritor “un pouquiño clandestino”, como di el, mantívose á raia da esfera mediática primeiro, pola súa vontade de darlle prioridade aos seus traballos e segundo, pola redacción de Se buscabas un Deus.

Cando se publicou  Atoado na braña, a primeira novela, estaba elaborando unha segunda novela, Se buscabas un Deus na que era necesario que non se soubese nada dese autor porque nela, ao protagonista, un universitario, suxeríanlle un traballo dunha obra literaria e, ao mesmo tempo, a procura dese escritor; a obra era Atoado na braña e o escritor é Xabier Quiroga.”

Agora xa se coñece un chisco máis del; dun home que escribe dende sempre porque cando as letras navegan polo sangue …

Eu escribía novelas, contos, relatos pero gardábaos; é como metelos nun caixón. E aínda que tivera algunha tentativa para publicar, pois nunca se producira un feito así, importante, ata o ano 2000- 2001 que decidín presentar unha novela grande, enorme, ao Premio Xerais. Non gañou, a verdade é que non gañan os premios as miñas novelas, pero serviume porque quedou finalista nunha discusión, seica unha rifa moi grande. Os membros do xurado dixeron que era unha novela que realmente merecía a pena e Xerais preguntoume se quería publicala, ese foi o inicio.

Un dos autores consolidados na nosa lingua

Un inicio dunha produción literaria que fai que se che considere un dos autores consolidados en lingua galega.

Si,  teño a sorte de que as novelas que lle levo á editorial, neste caso Xerais, mas publica e se o fai é porque considera que, ao mellor, teñen o nivel necesario. Pero si, estou moi agradecido ós lectores, que teño unha especie de público, parece, que me le, outra cousa é que me compren ou non.

Mostra deses lectores fieis son os bos resultados que está tendo o seu último libro Zapatillas rotas tanto para eles coma na crítica. Unha novela que tivo que agardar dous anos para ser publicada.

Había case máis de dous anos que lla entregara á editorial e díxome (de publicala) pero que a tiña que poñer na súa programación, loxicamente; eu non son un primeira espada. Son un escritor un pouquiño clandestino, ando ó meu, non ando metido nos círculos literarios e iso provoca que teñan máis présa outros escritores que poden vender máis. Obviamente, unha editora é unha empresa, e tal e como están os tempos agora, que están sufrindo moito, é normal que se decantaran por outros textos.

O señor Xaquín dáse á “fuga”

Zapatillas rotas versa arredor da “fuga” do señor Xaquín da súa residencia, acompañado por un parado. De aí o subtítulo da obra Do insólito rapto do señor Xaquín. Unha obra que ten moito de persoal, pois está inspirada naquelas visitas de Xabier Quiroga a un familiar que vivía nunha residencia e que lle permitiron coñecer esa realidade de preto.

Comprobei o que se move alí, como é o ambiente. Entón, unha vez que morreu, tratábase da miña avoa, pois veume á cabeza facer unha obra que tratase dunha persoa que se rebela contra ese sistema. A idea inicial partiu de poñer a un vello, alguén, que marche dese “pequeno cárcere” que é unha residencia, na que está recluído. É unha vida na que te coidan moi ben pero, ao mellor, non tes o agarimo das cousas que te rodean, da aldea, dos lugares, da xente.

O tratamento que recibe a terceira idade na nosa sociedade é, quizais, un dos temas que vertebran a obra, como tamén o son a perda da lingua galega, a manipulación dos medios de comunicación, o consumismo e as alusións ao pasado.

En todas as miñas novelas hai moitísima denuncia social e esta é unha das que máis; critica a perda da lingua, os medios de comunicación dun xeito sarcástico e humorístico. É unha crítica bestial porque o que quero é falar do meu tempo, do pasado, do presente e se se pode, do futuro.

Comecemos así, a destapar cada unha das cuestións que marcan a novela de principio a fin. En primeiro lugar esas referencias ao pasado. Un dos trazos máis característicos dos teus libros é a gran importancia que lle dás á propia historia, retratando a Guerra Civil ou a posguerra, unha historia que nesta ocasión, semella un tanto diluída nas experiencias pasadas de cada un dos personaxes. Que ten de atractivo o pasado para ti? Como inflúen os “grandes acontecementos” na vida de cada quen?

Como dicía Juan Marsé “non hai literatura sen memoria” porque escribir é moitas veces recordar. Ser capaz de recordar e que nos sirva iso de exemplo do que pasou, do moito negativo que houbo e tamén do positivo, é fundamental. Deste xeito, o que quixen é contar case un século de historia do noso país a través dunha persoa que esta recluída nunha residencia, pero que viviu, que ten esa historia. Esas historias menores son moi importantes: a circunstancia persoal de todos os habitantes que viviron neste pais, que estiveron condicionados, seguramente, por xente que non os tiñan en consideración. Porque realmente as decisións políticas sempre inflúen na xente normal e na historia das persoas así como, as relacións persoais. Ao final Zapatillas rotas é unha pequena saga familiar: un vello que pensa na súa historia e dáse de conta de que lle faltou algo. Na miña novela aparece,iso, a ser humano procurándose a si mesmo.

A eterna procura da identidade, como anota Xabier “a vida é unha especie de camiño no que nos imos buscando”. Outro dos asuntos a tratar da novela, e moi recorrente noutras, é o sensacionalismo dos mass media, co que es ben crítico

Quixen denunciar esa montaxe mediática que se fai nas grandes cadeas de televisión, que, ás veces, inflan unha burbulla de aire dunha cousiña moi simple pola necesidade de programación, o share. E ti pódeste preguntar, é posible? vaia tal e como están agora, calquera cousa, a realidade supera a ficción.

Contabilizar a audiencia non sei se trouxo algo bo… O certo é que o autor describe as rutinas produtivas dunha redacción moi acertadamente e é que el, vai algún tempo, traballou como correspondente de Lalín para un diario impreso, o cal decidiu abandonar pola complexidade de publicar os seus textos, integramente, en galego. De feito en Zapatillas rotas está moi presente esa denuncia da perda da lingua.

O tema da perda do idioma represéntase mediante as distintas xeracións da mesma familia: Vanesa, indo cara atrás, Carlota, o señor Xaquín, seu pai. Desta forma está establecido quen fala galego, quen se identifica co galego, quen xa fala galego e castelán e quen xa só castelán. É  o tránsito das xeracións, os números, as enquisas están aí, non fai falla moito número para ver. Nas zonas rurais ou de vila é un pouquiño menos pero nas cidades é escandalosa a porcentaxe de familias que non falan en galego e se a lingua inicial non é o galego, a lingua pérdese. E se encima os medios políticos non toman decisións … Por exemplo, o decreto do plurilingüismo do 2010 é moi claro, é dicir, elimínase o galego ou díselle aos pais que escollan, se o 90’% dos pais teñen o castelán como lingua vehicular e lingua inicial pois van escoller o castelán; entón alá se vai. Parece mentira que os poderes políticos non miren doutra maneira para iso: o galego está en perigo de extinción e non sei fai nada por iso, senón todo o contrario, lexíslase á contra.

Xabier denuncia a falta de compromiso das institucións políticas na promoción da lingua galega e na literatura escrita nela.

Os poderes políticos, por Constitución e polo Estatuto de Autonomía, debían defender e evitar que se perda a lingua. É certo que tamén vai en funcion do que temos, dos politicos, é dicir se un politico di “é o que pide a sociedade”, entón se a sociedade pide que se supriman eses elementos que son importantes da cultura…

Ademais, o escritor fala dese pouco interese e das mínimas axudas que existen para traducir as obras en lingua galega a outros idiomas. 

Un dos problemas que temos é, por que non se traducen máis os escritores galegos? Porque hai unha fornada de bos escritores, de boas novelas. Eu teño enviado algunha das miñas novelas a algunha editorial cunha proposta para traducila ao castelan e ninguén axuda, nin se interesa. Somos un recuncho da penincula, refuxiados en nós mesmos. Non hai axentes literarios que te coloquen.

Por outra banda, o consumismo é outra das cuestións primas da obra e aparece representado cunha adolescente, Vanesa. É un comportamento puramente relacionado coa xuventude?

É o que lles chove, o bombardeo de consumo, entón claro, hai que comprar e comprar. Esta sociedade capitalista provoca iso e as mentes máis expostas son aquelas que aínda están sen formar o seu carácter e personalidade.

E desa mostra da adolescencia pasamos á idea que fixo, dalgún xeito, que comezases a escribir Zapatillas rotas, a terceira idade, como tratamos aos nosos anciáns?

Todos imos cara aí e se non respectamos, defendemos e agarimamos aos nosos vellos, e o que facemos é recluílos nun sitio para que non estorben … Si, non é un cárcere e si, poden estar mellor alimentados, máis coidados, pero todo home precisa do que tivo sempre. Despois tamén está a denuncia desas fundacións, dos intereses económicos, esa cantidade de diñeiro que se ten que pagar, sabendo que as pensións son moi básicas, pois iso percibino eu en primeira persoa, non podemos converter a vellez nun negocio.

A vellez, o consumismo, a lingua, os medios, o pasado artellan varias das historias que se van debullando ao longo da novela de xeito, un tanto, paralelo, para descansar na mesma ao final. Cun estilo retranqueiro e un chisco melancólico, véxome obrigada a preguntarche, estamos perdendo o norte?

Si, moitas veces non estamos ao que é esencial, ao que importa. Esta é unha sociedade moito da farándula e nós necesitamos sentir, sentir é o feito de que os nosos sentidos perciban. Ficamos sentados diante da televisión e “fum”, hai que consumir pois consumimos. Queremos ter, ter e non sentir, esa é a cuestión. Se nós estamos enganchados ao móbil, ao ordenador tantas e tantas horas, coas vantaxes que iso ten, pois chega un momento en que nós nin escoitamos, nin vemos, nin tocamos, nin sentimos. Canta xente chegará, despois de andar polo mundo atropeladamente, a unha idade como a do señor Xaquín e preguntarase pero, que fixen eu da miña vida? Cantas horas pasei navegando, conectado e non tiven outras sensacións que se nos perden.

E queda esperanza para rescatar o esencial? Xabier Quiroga di que “ás veces unha soa palabra cura todos os males” e pode ser que teña razón. Ese aire tristeiro que zoa polas páxinas de Zapatillas rotas, que debe o seu nome a esa “idea de certa desfeita vital”, séntese ben na cara porque “hai moitas historias tristes, a sociedade é dura, violenta e é moi agresiva coas persoas”. As botellas de auga apenas baixaron o seu caudal. Zapatillas rotas lese axiña, ou a min iso me pasou, pero todos e cada un dos termos quedan rebotando nos miolos, sobre todo un: esencial. Quizais sexa iso, o que poida cambiar o mundo, o noso mundo.

Cris Mosteiro Reboredo

Deixa un comentario!