Menu Xerais

Xavier Estévez: «Un dos grandes problemas aos que nos temos que enfrontar son os profesores que non len»

A web Lermos publicou unha entrevista asinada por Duncan a Xavier Estévez, que acaba de publicar o libro  O corazón da maxia, ilustrado por Santy Gutiérrez.

 

 

Entrevista a Xavier Estévez

Hai cousa de un par de semanas deixeime levar pola miña aversión (por dicilo dun xeito moderado) polas escolas concertadas e, sobre todo, por calquera ensinanza católica e/ou relixiosa e comentei (por fortuna, brevemente) a miña opinión ao respecto nunha reportaxe que falaba do marabilloso traballo que fan algúns e algunhas docentes para fomentar a afección da rapazada pola lectura.

Penso que haberá xa máis de un ano que coincidín, nestes bretemosos mundos irreais das redes sociais e as webs, cun usuario que tiña un fermoso ‘nick’ e unha deliciosa ilustración como imaxe de perfil. Daquela, pouco sabía eu que era a capa dun libro e que, ademais, ese libro escribírao el. Cruzamos algunha que outra mensaxe e, co tempo, cheguei a coñecer algún dos proxectos que el e o ‘Club de la Medianoche’ estaban a argallar por aquel entón.

E, como en todo nesta vida, debo recoñecer que as institucións non o son todo. Non son máis que cascaróns que poden estar cheos de fel ou de mel, e esa sutil diferenza vén dada pola xente que traballa nelas e que as converten no peor ou no mellor. Hoxe visítanos (virtualmente, xaora) ese home que se agochaba tras a imaxe daquela rapaza da fiestra. Un home, Xavier Estévez, que nos falará da súa faceta como docente malia ter xa catro novelas no seu haber: A lenda do rei lobo (Ed. Tambre – 2008), A rapaza da fiestra (Ed. Tambre – 2010), O corazón da maxia (Ed. Xerais – 2015) e Todos os soños (Ed. Tambre – 2015).

Quen é Xavier Estévez?

Nacín en Bruxelas no ano 1969, fillo de emigrantes. Alí pasei os meus primeiros anos ata finalmente regresar coa miña familia a España no ano 1977. Tras estudar EXB en Vigo, fixen BUP e COU no Instituto da Guía da mesma cidade. En 1987 comecei os meus estudos de Maxisterio en Pontevedra para acadar a diplomatura en 1990. Os seguintes doce anos paseinos dando clase en diferentes escolas públicas de Galicia, ata entrar no ano 2003 no Colexio Divino Salvador (Vigo), onde sigo traballando na actualidade dando clase de Primaria.

Dende moi novo sentín unha grande atracción pola lectura e pola escrita. Os meus primeiros contos datan de cando tiña nove anos e o meu primeiro relato foi publicado (Faro de Vigo) á idade de dezaseis. Precisamente ese mundo infantil-xuvenil, vivido por min, é o que aparece reflectido nas miñas obras. En 2008 publico o meu primeiro libro A lenda do Rei Lobo (Ed. Tambre) e no ano 2010 o segundo, A rapaza da fiestra, na mesma editorial. No ano 2015 publico O corazón da maxia (Ed. Xerais) e Todos os soños (Ed. Tambre).englóbanse todas na Literatura Infantil e Xuvenil e nelas aparecen gran parte das miñas propias inquedanzas: a historia, a maxia, a propia literatura…

Cal é a túa experiencia como mestre?

Traballo en educación dende o ano 1993. Ese ano entrei como interino na Xunta de Galicia e fun mestre de Primaria en diferentes colexios da nosa comunidade. Durante unha década coñecín a realidade educativa das catro provincias galegas, dende Cervantes na porta dos Ancares, a Santiago de Compostela, ou Palmeira a carón de Ribeira. Na educación pública estiven ata o ano 2003 en que comecei a traballar no Colexio Divino Salvador de Vigo, pertencente á concertada. Poderíamos dicir polo tanto que coñezo ben eses dous xeitos de entender a educación.

No Colexio Divino Salvador fun titor de 5º e 6º todos estes anos, sendo neste momento tamén coordinador da Etapa de Primaria. Dende este posto, xunto coa dirección do centro, tento ir dando solución aos diferentes problemas da etapa nesta época de cambios. Isto significa, non só modernizala no posible, senón tamén afrontar os cambios na metodoloxía educativa que a sociedade demanda e que a lei esixe: educación por proxectos, máis participativa, tendo en conta non os contidos senón os estándares de aprendizaxe…

No posto de mestre de Primaria impartín todas as materias do que antes era o Terceiro Ciclo (5º e 6º), aínda que sempre prestei especial atención ás linguas, tanto á galega como á castelá. Considero que fomentar a lectura a idades temperás é esencial para a formación de persoas con espírito crítico, que aporten o seu labor á sociedade e adquiran coñecemento do mundo no que viven.

Ademais da materia lectiva, traballades dalgún xeito especial o fomento da lectura?

No Colexio Divino Salvador, e non somos unha excepción, somos moitos os mestres que nos decatamos da importancia da lectura, e dende antes de que eu chegara ao centro a realización de libro-fórums era unha actividade habitual. Cremos que a posibilidade de que os nenos coñezan aos autores dos seus libros de lectura, (elixidos por varios criterios: adecuación do vocabulario, riqueza lingüística, e sobre todo interese para o alumnado), sen dúbida é un factor de motivación que engadir ao pracer de ler. Así, polo noso colexio nos últimos anos tivemos a sorte de contar con autores como Gonzalo Moure, Fernando Lalana, Blanca Álvarez, Carlo Frabetti ou Consuelo Jiménez de Cisneros; nomes da literatura galega infantil e xuvenil como Ledicia Costas, Manuel Lourenzo, Alicia Borrás e tantos e tantos outros. Todos eles dedicaron o seu tempo a falar do traballo de escribir, da publicación de libros, da importancia da lectura e contestaron a todas as preguntas que os alumnos quixeron facer. Esa, para min, é a mellor forma de espallar a literatura e conseguir novos e bos lectores.

Pensas que é para ti máis doado motivalos por ter contacto cos dous mundos, o da docencia e o da escrita?

Quizais o feito de publicar teña unha grande relación co feito de ser mestre. Escribir, escribo dende moi pequeno. Non lembro moitas etapas da miña vida sen algún libro nas mans, que ler, para min sempre foi un dos grandes praceres. E o paso seguinte, escribir os meus contos, foi pouco despois, (gardo un conto meu de cando tiña nove anos que, seguramente, sexa o primeiro). Pero nestes anos de profesor, con tantas conversas sobre libros cos nenos, un acaba por descubrir cales son as súas inquedanzas, os seus soños, as súas preferencias. Así que, non só escribo as historias que a min me terían gustado con once anos, tamén escribo para eles, para os meus alumnos.

Mais os tempos que nos tocan vivir non son os máis axeitados para atraer á rapazada cara os libros, non?

Nesta época audiovisual, de tantos cantos de serea para os nenos (televisión, videoxogos, internet), e recoñecendo a importancia da lectura, non debemos deixar de tentar crear lectores. E como se fai iso? Dende a escola, o primeiro paso é que os mestres sexan a súa vez bos lectores. Será difícil transmitir a paixón por ler se nós non a temos. E lamentablemente, iso sucede moitas veces. Non é estraño atopar profesores que non len un libro ao ano, ou se cadra tan só o best-seller de moda no momento. Ese é un dos grandes problemas aos que nos temos que enfrontar. E moito poderíamos dicir disto, porque esta carencia lectora reflíctese en moitas campos, como por exemplo na falta de cultura científica, algo que a nosa sociedade non debería permitirse.

Cando un mestre é bo lector, cando goza dos libros, cómpre que estea ao tanto da literatura infantil e xuvenil. Non só coñecer as novidades, senón ser capaz de recomendar libros a un neno coa suficiente seguridade de que lle vaia gustar. Podemos equivocarnos, por suposto, que sobre gustos non hai nada escrito, mais é importante saber que libros recomendar, e crear na aula un clima de comunicación que leve a que falen das súas lecturas uns cos outros, que se xere unha rede de libros nos que espallar aqueles que máis lles gusten.

Comentabas que trabaches nas dúas modalidades de educación, pensas que unha é mellor ca outra?

Deste traballo de fomentar a lectura, non atopei diferenzas entre a pública e a concertada. Nas dúas atopei mestres implicados nesta tarefa e mestres que non. Nas dúas faise un gran labor, moitas veces un traballo invisible, fundamental para mellorar a educación dos nosos fillos. Nas dúas, a biblioteca de aula e a escolar son ferramentas indiscutibles á hora de motivar e hai mestres que van máis alá da súa función para que estas funcionen, dedicándolles o seu tempo e o seu esforzo.

Crear un xornal na aula, un blog, realizar entrevistas ou mesmo concursos de contos ou poesía son actividades que moitos centros realizan e que tamén hai que considerar á hora de valorar a educación que estamos impartindo. Son obrigatorias? Non. Son necesarias? Eu diría que sí.

Xa para rematar, pensas que todo recae sobre a equipa de formador*s ou a responsabilidade do achegamento á lectura é de todos?

O seguinte paso se falamos de converter aos nenos en lectores, é implicar aos pais e nais  neste traballo. No colexio ensínase, educar faise en casa. Na escola refórzanse os valores e os comportamentos, pero o fogar é o lugar onde estes nacen e se establecen. Educamos mediante o exemplo, mediante a palabra; educamos cando nos poñemos durante horas a ver a tele, cando berramos en lugar de razoar… e tamén, por suposto, cando lemos. Se os pais len, os fillos tamén o farán. Neste sentido, escola e casa deben apoiarse. Ambas deben recoñecer a importancia da lectura, o valor dos libros. Só así conseguiremos o noso obxectivo: unha sociedade máis feliz, máis formada, e con máis futuro.

Non debemos negarlles aos nosos fillos a entrada no mundo dos libros. Moitas aventuras agardan por eles. Moitos novos amigos.

 

Comentarios pechados