Menu Xerais

Xela, poeta: «Darío a diario» e «Denuncia do equilibrio», de Xela Arias. Crítica de Manrique Fernández

O blog O meu andel publicou unha recensión crítica de Manrique Fernández sobre os libros: Darío a diario e Denuncia do equilibrio, de Xela Arias, publicados por Xerais.

Xela, poeta

Achegarnos a Xela Arias sempre é unha boa idea, sexa nas circunstancias que sexa. Pero estes días son especialmante favorables pola cantidade e variedade de propostas que as distintas editoriais están a sacar do prelo para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á poeta luguesa. Estas son só algunhas destas propostas, pero unha visita á nosa libraría de referencia axudaranos a descubrir moitas máis.

Para achegarnos á súa poesía, Xerais está a traballar na reedición dos seus títulos máis emblemáticos e, polo de agora, xa son dous os que viron a luz actualizados: «Denuncia do equilibrio» e «Darío a Diario.

O primeiro foi co que Xela se deu a coñecer en 1986 e amosa unha poeta con moito de rompedora para aqueles tempos. Hoxe en día, alguhas das propostas poéticas deste libro poden parecernos cotiás, pero non debemos esquecer que se iso é así, é porque Xela Arias (entre outros autores) foi abrindo camiño cara á lírica actual, amosando barreiras que se podían franquear sen problema. Atopamos nel a frescura dunha voz nova e rompedora que navega contra a corrente para falar de desacougo do día a día e as emocións máis intensas. É un libro rabioso e rabiosamente actual, a pesar de contar xa con 35 anos ás costas.

«Darío a diario», publicado dez anos despois e inspirado polo nacemento do seu fillo, aborda a maternidade dende unha perspectiva desmitificadora e, en certa maneira, cun pouso fondamente feminista. Porque a maternidade que aquí se reflicte a través dunha especie de diálogo co neno, nada ten que ver coa imaxe de gozosa da creación de vida imposta pola tradición patriarcal máis arcaica, senón cos medos e inseguridades que provoca nunha muller o feito de traer unha nova alma ao mundo.

Coido que non hai mellor resumo desta obra ca un dos seus poemas, no que di:

«Nada que ver coa posesión.

Non te posúo nin quero.

Cóidote, ámote e manteño a esperanza

de aprenderche a te posuires.»

Manrique Fernández

Comentarios pechados