Menu Xerais

«Xelís, o guieiro das botellas de mar», de Rosa Aneiros, entre as lecturas recomendadas por Manrique Fernández para os cativos

O blog O meu andel publicou un artigo no que Manrique Fernández fai unha selección de libros para os cativos, con mención a: Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros, publicado por Xerais na colección: Merlín. O libro gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil, 2019.

Rosa Aneiros, «Xelís, o guieiro das botellas de mar»

Ao igual que fixemos en anos anteriores, a primeira edición do ano de «O meu andel» pretende botarlle unha man aos Reis Magos na procura de material de lectura acaído para os cativos. Por iso hoxe traemos a estas páxinas tres obras doutros tantos autores consagrados do noso panorama literario, destinadas, principalmente, a nenos e nenas.

Rosa Aneiros é outro deses nomes recurrentes na literatura galega dos últimos anos e preséntase nesta ocasión cun Premio Merlín debaixo do brazo que avala esta aventura de corte fantástico, pero moi apegada á actualidade.

O seu protagonista é Xelís, un neno que forma parte dos Gueiros da Natureza na illa de Otilc, responsables da protección do seu entorno. A súa misión semella pequena, pois é o responsable de guiar as botellas con mensaxe que recalan nas costas da illa para facelas chegar aos seus destinatarios. Pero un día recolle unha estraña botella de cristal cunha mensaxe dirixida a el e que fala da existencia dunha xigantesca illa de lixo que navega á deriva e ameaza con engulilo todo. Xelís, xunto co mascato Mult, inician así unha aventura que os levará ata os confíns do mundo na que a loita pola supervivencia do planeta xoga un papel fundamental.

A desbordante fantasía que exhibe Rosa Aneiros á hora de argallar esta historia é un dos elementos máis salientables desta obra que, como vemos se nos presenta moi apegada á realidade. Pero, ao meu entender, o máis destacable sería a linguaxe empregada. A cotío, a literatura infantil e xuvenil céntrase máis na historia relatada que na maneira de contala, descoidando deste xeito a creación de verdadeiros afeccionados ao pracer da lectura, non só á narración de historias máis ou menos destacables. Por suposto, son moitas e moi válidas as excepcións a esta afirmación, pero coido que tal precisión é mellorable no noso sistema literario. Máis a autora que nos ocupa emprega unha linguaxe suficientemente clara como para que poida ser seguida sen problemas polos nenos e nenas, ao tempo que dabondo elaborada como para albergar recursos literarios que poidan incitar á rapazada a seguir por ese camiño e a afeccionarse, como digo, ao pracer da lectura, algo que me parece enormemente meritorio dados os tempos que corren.

Manrique Fernández

Comentarios pechados