Menu Xerais

«Xelís, o guieiro das botellas de mar», entre os agasallos literarios recomendados polo blog Balea Cultural para o Nadal

O blog Balea Cultural publicou unha reportaxe na que recomenda once agasallos literarios para o Nadal, entre os que figura o libro: Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros, con ilustracións de Andrés Meixide. O libro gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil, 2019, e está publicado por Xerais na colección Merlín.


«Xelís, o guieiro das botellas de mar
», de Rosa Aneiros

 

Nadal. Un ano máis. Unha época chea de luz e boas intencións para os seus seareiros pero frenética e confusa para os seus detractores. Unha época de lupandas, obrigadas reunións familiares e entrega ao capital na que autenticidade a miúdo se ve desprazada por unha ostentosa opulencia no que atinxe á escolla dos agasallos para as nosas familias e amizades. Motivo polo que nunca está de máis reivindicar outro tipo de celebracións e outro tipo de agasallos para estas datas, sendo o libro en galego o gran obsequio a defender nesta última categoría.

Ademais, o que será o último Nadal da década vén cargado de novidades para todos os gustos e sensibilidades no eido literario, demostrándose unha vez máis que, malia a precariedade ou os prexuízos que aínda axexan as letras en galego, o noso sistema literario pode asistir un amplo abano de públicos á hora de elixir o agasallo perfecto. E velaquí van once das propostas máis destacadas deste ano editorial que agora remata para tal fin.

«Xelís, o guieiro das botellas de mar», de Rosa Aneiros

En tempos de urxencia climática e activismo a prol dun cambio real para parar o ritmo das emisións de dióxido de carbono e o impacto do noso modo de vida no medio ambiente, Rosa Aneiros trae un relato para a cativada que aborda todas estas cuestións e que foi merecedor do Premio Merlín de Literatura Infantil neste ano 2019. Unha narración cun fondo gromo didáctico que busca facer partícipe ao lectorado máis miúdo da aventura de Xelís para deter a illa de plásticos que ameaza con destruír os mares e que tamén busca conciencialo dunha causa que axexa o benestar da seguinte xeración. Moito máis recomendable que unha tablet para deixarlle ás nosas crianzas debaixo da árbore.

Iria Pedreira

Comentarios pechados