Menu Xerais

Xerais acada dez millóns de exemplares vendidos

A narrativa contemporánea e a literatura infantil e xuvenil foron as preferencias dos lectores das obras publicadas por Edicións Xerais de Galicia en 2011

Ao peche do exercicio 2011, Xerais acada os 10.103.409 exemplares vendidos dende a súa fundación en 1979

Das 125 novidades publicadas por Xerais nas distintas coleccións destacaron, entre outras, a novela de Agustín Fernández Paz Non hai noite tan longa, con máis de 3.500 exemplares vendidos e a edición dos contos reunidos de Manuel Rivas no volume O máis estraño, con case 4.000 exemplares.
É de salientar o interese que espertou entre os lectores a figura de Lois Pereiro (Letras Galegas 2011). A súa Poesía completa foi un dos libros máis vendidos das novidades publicadas por Xerais.

A literatura infantil e xuvenil ocupa un lugar destacado no panorama literario galego. Os nosos autores  e autoras están recoñecidos cos máis importantes premios a nivel do Estado. Tal foi o caso de Agustín Fernández Paz que recibiu este ano, na Feira Internacional do libro de Guadalajara, o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil y Juvenil.  
Este 2011 sorprendeu o comportamento da reedición en Xerais da novela infantil de Xabier Puente DoCampo O misterio das badaladas, que acadou tres edicións no ano.
Seguírono as novidades Corazón de chocolate. Unha aventura para Tintimán en Compostela de Jaureguizar, A chave da Atlántida de Anxo Fariña (Premio Merlín, 2011), Lois Pereiro. Náufrago do paraíso de Marcos Calveiro e A filla do ladrón de bicicletas de Teresa González Costa (Premio Merlín, 2010).

Destacan tamén as vendas do fondo editorial con títulos que se reeditan ano tras ano e acumulan un número de exemplares vendidos moi importante. É o caso de novelas como O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, con 81.200 exemplares ou Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, con case 81.000.
Entre os máis vendidos deste ano están O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, Resistencia de Rosa Aneiros, Todo é silencio de Manuel Rivas, O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, Dragal de Elena Gallego, Cando petan na porta pola noite de Xabier P. DoCampo ou Pel de lobo  e Morning Star de Xosé Miranda.

O libro estrela da editorial segue a ser o Pequeno Dicionario Xerais, con máis de 350.500 exemplares vendidos. Xerais acadou este ano 2011 os máis de 10.000.000 de exemplares vendidos.

NOVIDADES PUBLICADAS EN 2011: 125
REIMPRESIÓNS: 105
TOTAL TÍTULOS PUBLICADOS (novidades  + reimpresións):  230

Comentarios pechados