Menu Xerais

Xerais amplía a súa oferta de ebooks e reforza o espazo para comunicación web do libro dixital

Xerais continúa ampliando e reforzando a súa oferta dixital, que se centra moi especialmente no ámbito literario. Logo dos primeiros títulos para o Kindle que Xerais puxo en marcha a través de Amazon o pasado mes de decembro, agora a editorial amplía o catálogo dixital con tres novos títulos que xa están a disposición dos lectores e lectoras: Os fillos do mar, de Pedro Feijoo; Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras; e Ninguén, de Fran Alonso. Todos eles ofrécense a un prezo substancialmente inferior, case ao 50% do seu PVP en papel, e tamén todos eles estarán dispoñibles nas tres principais plataformas de libro electrónico: Amazon (xa dispoñible); e Itunes (Apple) e Todoebook (adobe) (dispoñibles nos vindeiros días).

Ao tempo, Xerais redeseñou o seu espazo web para o libro dixital, de tal xeito que agora ten web propia e blog propio, onde se poden consultar todas as novas referidas a ese ámbito; e conta con accesos directos ao Catálogo de Xerais en ebook; á Biblioteca Dixital Xerais (onde as persoas poden ler gratuita e libremente en rede determinados títulos logo de rexistrárense), ao Catálogo e web de libros de texto dixitais (educación), así como ao Dicionario Xurídico Galego na súa versión online.

Con esta remodelación web, Xerais asume un compromiso co futuro, poñendo en valor as novas formas de lectura da sociedade actual e contribuíndo a modernizar e actualizar as canles do libro en lingua galega nunha aposta que non fixo máis que comezar.

 

Comentarios pechados