Menu Xerais

Xerais consolida a súa presenza en Twitter e agasalla cun lote de libros á seguidora 5.000 ao tempo que o blog sobrepasa as 5.000 anotacións

Xerais sobrepasou onte os 5.000 seguidores e seguidoras en Twitter, consolidando con forza a súa presenza nesta rede social. Con tal motivo, Xerais agasalla cun lote de libros de novidades á seguidora número 5.000, que resultou ser Rose Cameselle, en Twitter @RoseCameselle, coa que a editorial xa se puxo en contacto. De xeito case simultáneo, o blog de Xerais, continúa a súa actividade incansable e sobreprepasou tamén as 5.000 anotacións, cun elevadísimo ritmo de publicación diaria que o sitúa como unha plataforma de referencia para a información sobre a literatura en Galicia.

O Twitter de Xerais abriuse a finais de marzo de 2009 e desde aquela cumpre un importante servizo de información e debate en torno aos nosos autores e os nosos libros, converténdose na máis áxil ferramenta de comunicación da editorial. O esforzo por reforzala levou, en 2011, a retransmitir os Premios Xerais a través de Twitter, grazas ao apoio de todo o equipo de Blogaliza. Precisamente nese mesmo ano Xerais aparecía referenciada no estudo «El uso de Twitter en las editoriales españolas 2011», como unha das editoras máis destacadas do Estado na utilización desta ferramenta de comunicación social. E, aínda que non temos constancia de que ese estudo se repetise en anos posteriores, o número de seguidores e o número de chíos sitúannos, proporcionalmente, como unha das editoras máis activas da península no seu emprego. A progresión no número de seguidores increméntase día a día, e aínda hai practicamente un ano que celebrabamos o feito de superar os 3.000 seguidores.

A editorial considera que Twitter é un medio fundamental na nova sociedade dixital cara a que avanzamos e para a que Xerais continúa, día a día, a preparar o seu catálogo. Nestes momentos, ofrecemos xa a maior parte das nosas novidades, de xeito simultaneo, en formato ebook e en papel, e o noso catálogo dixital está formado a día de hoxe por 75 títulos habilitados para os principais formatos e plataformas.

Para Xerais, o Twitter e o blog da editorial constitúen dúas ferramentas que se complementan entre si, aproveitando as sinerxias para ofrecer unha información o máis completa posible sobre o noso ámbito de edición e sobre o noso papel de dinamizadores culturais, fomentando dese xeito tanto o debate literario como a maior visibilidade posible dos nosos libros e autores e autoras.

Desde Xerais queremos agradecer expresamente a todos os seguidores e seguidoras que nos apoian a súa fidelidade, a súa axuda e a súa contribución ao debate, conscientes de que realizan un papel imprescindible para nós. Moitas beizóns a todos e todas. Grazas.

@xerais

 

 

 

 

Comentarios pechados