Menu Xerais

Xerais expresa o seu pesar polo falecemento de Isaac Díaz Pardo

A dirección e o cadro de persoal de Xerais expresa o seu fondo pesar polo falecemento de Isaac Díaz Pardo. Artista plástico, intelectual, escritor, empresario e dinamizador galeguista, Isaac Díaz Pardo era Presidente de Honra da Asociación Galega de Editores e a súa figura é imprescindible para entender a evolución da cultura galega no século XX.

Fillo do pintor Camilo Díaz Baliño, asasinado durante a Guerra Civil española, Isaac Díaz Pardo dedicouse á creación artística, que abandounou para fundar en 1963 na Arxentina, xunto con Luís Seoane, o Laboratorio de Formas que deu lugar á constitución, nese mesmo ano, da fábrica de Cerámicas do Castro en Sada, precursora de actividades industriais e culturais como a restauración anovada da factoría de cerámica de Sargadelos. Así mesmo, foi creador do Museo Carlos Maside (1970), da editorial Ediciós do Castro (1963), da recuperación do Seminario de Estudos Galegos (1970), e do Instituto Galego de Información, onde residiu ata pouco antes do seu falecemento.

Entre os recoñecementos e distincións que recibiu destacan o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988), a Medalla de Ouro de Galicia e a Medalla ao Traballo (2007).

 

 

Deixa un comentario!